martes, 2 de febrero de 2021

Servizos nas bibliotecas da UDC ata o 17 de febreiro

Dacordo coa Resolución Reitoral, do 27 de xaneiro de 2021, para a adaptar as actividades da Universidade da Coruña ás normativas adoptadas pola Xunta de Galicia con data do 26 de xaneiro de 2021 como consecuencia da evolución da situación derivada da pandemia causada pola COVID-19, coa corrección de erros do 28 de xaneiro, actualmente o servizo das bibliotecas dos centros permanecerá aberto para a comunidade universitaria da UDC, quen poderá utilizalo mediante o sistema de cita previa. Mentres sigan as restricións actuais, as persoas usuarias externas non poderán facer uso dos servizos.

Cómpre destacar que a partir do 8 de febreiro, finalizado o período de exames, as salas de lectura das bibliotecas dos centros permanecerán pechadas ata o 17 de febreiro. Os servizos que se prestarán ata o 17 de febreiro son:

  • Préstamo

É necesario reservar previamente no catálogo aqueles títulos, tanto dispoñibles coma prestados, que se queren levar en préstamo. Neste vídeo podedes ver o procedemento para a reserva dos documentos. As persoas usuarias recibirán un correo electrónico indicándolles cando poden ir recoller o préstamo, e, se o desexan, poderán contactar coa biblioteca por correo electrónico ou teléfono para concretar a data e hora de recollida.

  • Consulta en sala

Do 8 ao 17 de febreiro as salas de lectura das bibliotecas dos centros permanecerán pechadas. Non obstante e neste periodo, o persoal da UDC poderá consultar aqueles materiais que pola súa natureza non se prestan. Será necesario concertar cita previa coa biblioteca por teléfono ou correo electrónico.

  • Préstamo interbibliotecario

O servizo de préstamo interbibliotecario préstase da maneira habitual, tanto para documentos en papel como electrónicos. Podedes atopar máis información sobre este servizo na páxina web do Servizo de Biblioteca na sección Préstamo interbibliotecario.

  • Recursos de información electrónicos

Seguirá ofrecéndose acceso da maneira habitual á colección dixital do Servizo de Biblioteca.

  • Información e consulta

A biblioteca segue atendendo as consultas formuladas polas persoas usuarias a través dos formularios en liña da páxina web:

- Contacta coa biblioteca: para consultas, dúbidas, queixas ou suxestións sobre o servizo ou sobre algunha das bibliotecas.

- Solicitude de adquisicións: para solicitar a compra dunha obra que consideredes necesaria na colección da vosa biblioteca.

- Petición dunha procura bibliográfica: dende este formulario podedes solicitar axuda  na busca de información para os vosos traballos de aula, o TFG/TFM ou os traballos de investigación.

Finalmente, lembrarvos que tamén podedes contactar con nós por correo electrónico, por teléfono ou a través das nosas redes sociais.

No hay comentarios: