martes, 7 de septiembre de 2021

Presentación do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña


Esta semana comeza un novo curso académico na universidade e nesta publicación faremos unha breve presentación do Servizo de Biblioteca da UDC, principalmente dirixida aos que vos incorporades este ano por primeira vez á universidade.

Para garantir a vosa seguridade no uso das súas instalacións e servizos, o Servizo de Biblioteca conta cun Plan de prevención e hixiene fronte á Covid-19. A modo de resumo, salientamos que o uso da máscara é obrigatorio en todo momento dentro da biblioteca, manterase a distancia mínima de seguridade que estipulen as autoridades en cada momento, realizaranse labores de limpeza, desinfección e ventilación, e o acceso farase cun aforo limitado, entre outras medidas.

O Servizo de Biblioteca conta cunha Biblioteca Central e 16 bibliotecas das distintas escolas e facultades, repartidas nos diferentes campus da universidade. Como membros da comunidade universitaria tedes acceso a tódalas bibliotecas en igualdade de condicións, e por conseguinte, a tódolos fondos bibliográficos da UDC. O horario xeral de atención ao público é de 08.30 a 21.30, de luns a venres, que pode verse reducido en periodos de vacacións. Aínda que non dependen do Servizo de Biblioteca, tamén tedes á vosa disposición tres grandes aulas de estudo nos campus de Riazor, Elviña e Esteiro con horarios máis amplos en época de exames.

Nas bibliotecas podedes atopar toda a información que precisedes para as clases e os traballos de aula: os documentos que recomenda o profesorado en cada materia, libros e revistas en papel, así como documentos electrónicos (bases de datos, libros e revistas electrónicas). Entre os servizos que ofrecemos destacan:

- Préstamo das obras da nosa colección. Dentro deste préstamo é importante que coñezades o préstamo intercentros, que posibilita que, a través da vosa biblioteca, poidades solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarvos.

- Préstamo interbibliotecario, que ofrece a posibilidade de solicitar a outras bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte da colección da biblioteca da nosa universidade

- Préstamo de portátiles (só nalgunhas bibliotecas)

- Cursos de formación

- Actividades culturais

Podedes consultar máis información sobre todos os servizos e recursos de información na páxina web da Biblioteca Universitaria. Ademais, case tódalas bibliotecas das diferentes escolas ou facultades teñen páxinas web propias, nas que obteredes información adicional e atoparedes información máis específica sobre as materias do voso interese.

Para finalizar, deixámosvos este pequeno vídeo de benvida, así como esta guía para o novo alumnado. E, por suposto, lembrade que calquera dúbida que teñades sempre podedes contactar con nós por correo electrónico, por teléfono, nas nosas redes sociais ou empregando o formulario en liña Contacta coa biblioteca.

Benvidos e benvidas a un novo curso na Universidade da Coruña!

No hay comentarios: