A semana pasada, con motivo da
inauguración do novo curso académico, realizabamos unha breve presentación
do Servizo de Biblioteca para trasladarvos información de interese xeral, como
os principais servizos que ofrecemos. Nesta nova publicación explicamos máis
polo miúdo algúns dos recursos ou ferramentas máis destacadas ás que podedes
acceder dende a páxina web da
Biblioteca Universitaria.
Unha das ferramentas fundamentais
que ten a páxina web é o acceso ao catálogo, que recolle
as referencias de todos os documentos que forman parte da colección da
biblioteca, incluíndo a ubicación dos exemplares. A colección está composta por
libros e revistas en papel, películas, mapas, libros e revistas electrónicas ou
bases de datos, entre outros.

O meu rexistro é
unha conta persoal onde se poden xestionar en liña determinados trámites sen
necesidade de pasar pola biblioteca. Poderanse realizar as seguintes funcións:- Ver que exemplares se teñen
actualmente prestados
- Renovar os préstamos
- Reservar libros e outros
materiais que estean prestados
- Consultar e cancelar reservas
- Gardar e consultar o historial
de préstamos
- Gardar as buscas preferidas e
crear listaxes con documentos do catálogo que vos interesen

A biblioteca facilítavos localizar a bibliografía
recomendada polo profesorado dende un único punto. No catálogo podedes realizar
as buscas por
profesor/a
ou por materia de clase
(as materias búscanse en galego). Nos resultados da busca atoparedes
que moitas das materias están duplicadas: a de “Recursos electrónicos”
recompila os recursos electrónicos da materia. A outra é a bibliografía recomendada
xeral, con todos os recursos, electrónicos e en papel.
Se tedes dúbidas, neste vídeo explicámosvos como consultala.
Nestoutra ligazón tedes outro vídeo sobre
a busca e consulta da bibliografía recomendada en formato electrónico.- Colección dixital da biblioteca

Na biblioteca hai miles de recursos electrónicos (
bases
de datos, libros
e revistas
electrónicas) á vosa disposición, pero queremos destacar algúns que poderán
axudarvos desde os primeiros días da vosa estancia na universidade. Entre as
diversas plataformas de libros electrónicos, salientamos leBUC, plataforma do Servizo de Biblioteca
da UDC que permite a lectura e o préstamo de libros electrónicos a todos os
membros da comunidade universitaria, os cales deberán identificarse coas súas
credenciais da UDC. Poderase acceder a libros de editores comerciais españois e
a publicacións universitarias en virtude do convenio entre a UNE e REBIUN. Outra
plataforma de interese é eLibro, plataforma de
libros académicos en español entre os que se recollen obras recomendadas nas
bibliografías dos diferentes graos e mestrados da UDC.
Dende a páxina web da biblioteca tamén podedes acceder a Pórtico, portal
de acceso único aos recursos electrónicos subscritos pola UDC. Ademais, os recursos electrónicos poden ser localizados
polo xeral no catálogo da biblioteca a través da opción Busca en: Recursos en liña. Neste vídeo amosamos como
facelo.- Acceso desde fóra da UDC á colección electrónica da biblioteca

Desde fóra dos espazos universitarios
é posible consultar os recursos electrónicos (bases de datos, plataformas de
libros e coleccións de revistas) contratados pola biblioteca. Soamente tedes
que autenticarvos como membros da comunidade universitaria desde a páxina
Acceso
desde fóra da UDC á colección electrónica da Biblioteca, identificándovos
coas vosas credenciais persoais da UDC (usuario e contrasinal). Podedes
consultar o proceso nesta guía
ou neste vídeo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario