viernes, 24 de septiembre de 2021

Os recursos de información da Biblioteca da Universidade da Coruña



Unha semana máis, continuamos presentando os principais recursos ou servizos aos que podedes acceder dende a páxina web da Biblioteca Universitaria. Nesta ocasión centrámonos na colección electrónica da biblioteca, xa que dentro da súa colección de recursos de información ofrece unha morea de recursos de acceso electrónico, que se dividen en bases de datos, libros electrónicos, revistas electrónicas e hemeroteca dixital.

  • Bases de datos

As bases de datos conteñen información sobre documentos científicos, é dicir, referencias a documentos, pero tamén moitas delas proporcionan acceso aos textos completos. Poden utilizarse como ferramenta de busca de artigos de revista, congresos, información xurídica, etc.

Para todas as áreas científicas existe algunha base de datos específica (por exemplo, Medline para medicina, Westlaw para dereito, etc.), pero ademais das bases de datos especializadas na vosa materia, existen bases de datos multidisciplinares. Entre estas últimas destacan Dialnet e ÍnDICEs–CSIC no ámbito español e Web of Science e Scopus no ámbito internacional.

O acceso ás bases de datos subscritas pola biblioteca realízase desde a páxina Bases de datos da nosa web, onde se atopa tanto un índice alfabético como unha clasificación por materias.

  • Libros electrónicos

A biblioteca proporciona acceso a un volume cada vez maior de libros en formato electrónico, aumento no que influíu a situación extraordinaria vivida durante o último ano. A nosa colección inclúe libros de grandes plataformas editoriais internacionais como Elsevier, Springer, Wiley…, pero tamén podedes atopar recursos en español como eLibro, plataforma de libros académicos entre os que se recollen obras recomendadas nas bibliografías dos diferentes graos e mestrados da UDC.

Ademais, dispoñemos dunha plataforma para o préstamo de libros electrónicos, leBUC, que ofrece libros de editores comerciais españois e tamén publicacións de editoriais universitarias en virtude do convenio entre a UNE e REBIUN.

O acceso aos libros electrónicos subscritos pola biblioteca realízase desde a páxina Libros electrónicos da nosa web, onde se atopa tanto un índice alfabético polos editores como unha clasificación por materias.

  • Revistas electrónicas

As revistas son a principal canle de comunicación da información na maioría das disciplinas, especialmente nas ciencias da saúde, ciencias da vida, ciencias aplicadas e tecnoloxía.

Unha gran cantidade de títulos de revistas están publicados por prestixiosas editoriais, e a biblioteca proporciona acceso a estes paquetes de revistas máis importantes: Science Direct (editado por Elsevier), SpringerLink (editado por Springer), Taylor & Francis ou Wiley Online Library (editado por Wiley).  

É importante sinalar que a subscrición a unha revista non implica o acceso á totalidade dos números publicados, senón que pode haber só algúns anos dispoñibles.

O acceso ás revistas electrónicas subscritas pola biblioteca realízase desde a páxina Revistas electrónicas da nosa web, onde se atopa tanto un índice alfabético polos editores como unha clasificación por materias.

Para acceder aos libros e revistas electrónicas tamén podedes consultar Pórtico, portal de acceso único aos recursos electrónicos subscritos pola UDC.

  • Hemeroteca dixital

A hemeroteca dixital recolle os recursos de prensa e noticias subscritos ou contratados en proba. Actualmente proporciónase acceso por subscrición a El País, un dos principais xornais españois, e a PressReader, portal que dá acceso a unha ampla selección de periódicos e revistas de múltiples materias e de ámbito mundial.


Tamén queremos lembrarvos que desde fóra dos espazos universitarios é posible consultar estes recursos electrónicos subscritos pola biblioteca. Soamente tedes que autenticarvos como membros da comunidade universitaria desde a páxina Acceso desde fóra da UDC á colección electrónica da Biblioteca, identificándovos coas vosas credenciais persoais da UDC (usuario e contrasinal). Podedes consultar o proceso nesta guía ou neste vídeo.

Para finalizar, comentámosvos que ademais da colección dixital subscrita pola biblioteca, dende a páxina Recursos de información da web podedes acceder a outros recursos electrónicos gratuítos, tanto de carácter xeral (buscadores académicos, tradutores…) como organizados por disciplinas

No hay comentarios: