viernes, 1 de octubre de 2021

Infoguías do Servizo de Biblioteca


Nesta nova publicación queremos difundir as Infoguías do Servizo de Biblioteca, unha serie de guías nas que podedes descubrir recursos, ferramentas e material de apoio á aprendizaxe e á investigación que ofrece a biblioteca. Trátase dun espazo que conta cunha continua actualización dos seus contidos e é susceptible de ir completándose coa incorporación de novas guías que, no seu conxunto, conforman unha importante ferramenta de apoio ao dispor de toda a comunidade universitaria.

As infoguías están organizadas en catro epígrafes principais:

  • A actividade investigadora

Formada por seis guías dirixidas fundamentalmente ao persoal investigador da universidade. Conteñen información e recursos dedicados á avaliación da actividade investigadora, aos datos de investigación ou á publicación e difusión de resultados, entre outros.

  • Apoio á aprendizaxe e á investigación

Formada por catro guías dirixidas tanto ao estudantado como ao persoal investigador. Para o estudantado destacamos a Guía de apoio para realizar o TFG, que servirá de apoio a este colectivo da comunidade universitaria para buscar información nas fontes correctas, redactar o traballo con rigorosidade científica ou expoñelo con claridade.

O movemento do acceso aberto, así como as cuestións referidas á propiedade intelectual ou a como citar referencias bibliográficas son outras das temáticas que se ofrecen nestas guías.

  • Fontes e recursos de información

Preséntanse neste apartado guías dalgúns recursos de información destacados como Dialnet, un dos maiores portais bibliográficos do mundo, cuxo principal cometido é dar maior visibilidade á literatura científica hispana; leBUC, a plataforma de préstamo de libros electrónicos do Servizo de Biblioteca; ou o RUC, o repositorio institucional da UDC creado  para difundir e preservar a documentación dixital derivada da actividade docente, investigadora e institucional dos membros da universidade.

  • Guías temáticas

Formadas por guías sobre temas transversais ou de actualidade. Actualmente hai dúas:

- unha sobre Feminismo, xénero e igualdade, coa que se pretende contribuír tanto á difusión de recursos de carácter xeral sobre estes temas (sitios web, revistas, asociacións, etc.) como ás aportacións realizadas dende a UDC e o propio Servizo de Biblioteca nestas temáticas.

- outra sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, 17 obxectivos que forman parte da Axenda 2030 e que constitúen un chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas en todo o mundo.


Ademais de poder acceder ás infoguías dende a páxina web de inicio da Biblioteca Universitaria, tamén vimos de engadilas no apartado de Formación de usuarios, no que se poden atopar máis recursos de autoformación, como o Material de formación en competencias dixitais para estudantes de grao, material do que falaremos nunha posterior publicación.

No hay comentarios: