viernes, 22 de octubre de 2021

A Universidade da Coruña adhírese ao proxecto “Bibliotecas en Igualdade”


A Universidade da Coruña vén de adherirse á iniciativa “Bibliotecas en Igualdade”, promovida pola Asociación Clásicas y Modernas para la Igualdad de Género en la Cultura, que traballa polo feminismo no ámbito cultural. A asociación puxo en marcha a iniciativa en 2018 co apoio do Ministerio de Cultura a través do seu Plan de Fomento da Lectura, entendendo que as bibliotecas son socias estratéxicas para o cumprimento da Axenda 2030 e a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), entre os que se atopa a igualdade de xénero. Tamén conta coa colaboración da Biblioteca Nacional de España e, progresivamente, están a involucrarse bibliotecas das diversas comunidades autónomas para a recuperación e posta en valor das obras escritas por mulleres.

Entre os compromisos adquiridos pola universidade coa sinatura desta adhesión atópanse:

·         Desenvolver cursos de formación ou xornadas ao redor dos diversos aspectos da igualdade de xénero.

·         Elaborar publicacións, traballos ou materiais académicos ao redor da cultura en igualdade e os fondos documentais de mulleres.

·         Fomentar a investigación sobre temáticas relacionadas coa igualdade de xénero, violencia contra as mulleres, etc.

·         Organizar programas, conferencias ou congresos para dar visibilidade ás escritoras e as súas obras.

No que atinxe máis específicamente ao Servizo de Biblioteca, este comprométese a:

·         Revisar os fondos bibliográficos, tanto en formato físico como dixital, para emendar na medida das súas posibilidades, os baleiros e as ausencias de obra literaria e intelectual escrita por mulleres de todos os tempos.

·         Divulgar en sitios web, en redes sociais e outros medios, cantas accións se realicen no ámbito das bibliotecas, co fin de darlle visibilidade á produción cultural das escritoras.

Neste sentido, o Servizo de Biblioteca xa está a traballar para dar a coñecer o gran número e calidade de autoras literarias que foron infravaloradas ao longo da historia. Por exemplo, recentemente adquiríronse unha serie de obras escritas por mulleres que, no seu momento, tiveron que asinar como homes para poder ser publicadas.

Tamén a través de mostras bibliográficas difúndense e dáse máis visibilidade aos fondos bibliográficos escritos por mulleres. É o caso da Biblioteca de Filoloxía, que co gallo do Día das Escritoras e aproveitando o importante fondo de teatro que alberga, preparou un centro de interese dedicado ás mulleres dramaturgas.

En definitiva, este acordo supón un paso máis na loita pola igualdade entre homes e mulleres no ámbito da universidade, por medio, neste caso, de dar visibilidade ás autoras esquecidas, poñer en valor as obras das mulleres ou crear catálogos igualitarios.

 

No hay comentarios: