viernes, 15 de octubre de 2021

Día das Escritoras 2021

O vindeiro luns 18 de outubro celébrase o Día das Escritoras, unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España (BNE) en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas que, desde o ano 2016, busca reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras.

Este ano a comisaria é a poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños e o lema elixido é “Leer las edades de la vida”, reflectindo o concepto de que a lectura une xeracións. Así o explica a comisaria: “Nuestra primera biblioteca fue de aire, en forma de canto o de cuento. En forma de palabras que se hilaban las unas a las otras e iban despertando nuestra diminuta conciencia. Madres, abuelas, tías. Maestras. Amigas. Y en el viaje del tiempo, éramos niñas, adolescentes, jóvenes, mujeres maduras; ya éramos ahora, todas juntas, porque los libros habían ido recogiendo nuestras edades. Las edades de la vida. Una biblioteca en el corazón. Día de las escritoras”.

Como é habitual, o acto central consiste na lectura dunha selección de textos de autoras españolas e hispanoamericanas a cargo de personalidades de diversos ámbitos da sociedade española, que poderá seguirse a través de Youtube. Entre as autoras dos textos seleccionados figuran nomes como as galegas Emilia Pardo Bazán e Xela Arias, Carmen Laforet, Gabriela Mistral…e por primeira vez leranse textos de escritoras vivas como Rosa Montero ou Elena Poniatowska, ademais de incorporarse textos de teatro e ensaio.

Como parte da celebración deste día, tamén terá lugar unha editatona en liña sobre escritoras co obxectivo de visibilizar o seu legado literario a través da edición, creación e mellora de artigos en Wikipedia desde unha perspectiva de xénero. Será o día 21 de outubro.

A esta conmemoración tamén se suman outras entidades nacionais e internacionais, cuxa programación pode consultarse nesta ligazón.

Por outra banda, algunhas bibliotecas pertencentes á rede Bibliotecas en Igualdad tamén programaron diversos actos que se recompilan no portal da asociación Clásicas y Modernas.

Na nosa universidade, a Biblioteca de Filoloxía, aproveitando o importante fondo de teatro que alberga, preparará un centro de interese dedicado ás mulleres dramaturgas.

Ligazóns de interese:

- Portal Día de las Escritoras

- Bieses. Bibliografía de escritoras españolas

- Portal Escritoras españolas, da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.

No hay comentarios: