Nesta nova entrada do noso blog
imos falar de ciencia e divulgación. Na actualidade poden atoparse unha chea de
propostas na rede: dende libros ou blogs ata vídeos ou programas de radio e
televisión. Aquí presentámosvos unha selección destes recursos cos que aprender
ciencia dunha forma máis próxima e entretida.
Para coñecer algúns dos libros máis significativos recomendamos
a consulta da guía de lectura “101 obras
esenciales de divulgación científica”, cuxos títulos foron seleccionados
polo divulgador Daniel Torregrosa.
No Servizo de Biblioteca da UDC tamén
contamos cun significativo fondo de libros de divulgación científica que
podedes consultar no catálogo
da biblioteca. Ademais, ofrecemos acceso a algunhas das revistas de
divulgación con gran traxectoria en España como Investigación
y ciencia, con acceso en formato electrónico desde o ano 2013, ou Muy interesante,
dispoñible desde os anos 90 en papel ou con acceso electrónico aos últimos
números a través da plataforma PressReader.
Tampouco podemos esquecer citar a
editorial Next Door Publishers,
primeira editorial independente especializada en divulgación científica cuxos
autores e autoras son referentes na comunidade científica, á vez que destacan
polo seu talento á hora de divulgar os seus coñecementos. Ademais, outras
grandes editoriais tamén prestan atención a divulgación con numerosas obras
dentro das súas coleccións: algúns exemplos son Planeta
ou Catarata,
esta última en coedición co CSIC.
Como exemplos de blogs de divulgación científica podemos
citar Ciencia
para llevar (blog do CSIC en 20Minutos.es), Dimetilsulfuro (de Deborah García Bello, química
e comunicadora científica de A Coruña) ou Naukas
(cuxo lema é “Ciencia, escepticismo y humor”).
Por outra banda, entre os programas de televisión en España, na
actualidade e desde o ano 2014, Orbita Laika combina ciencia e humor. Desde a
súa páxina de RVTE
pódese acceder aos vídeos do programa. Outro programa que no seu momento tivo
moito éxito foi Redes, presentado por Eduard Punset. Pódese acceder aos seus
programas a través do Arquivo
de RTVE.
Trasladándonos a radio, algúns dos podcasts sobre
divulgación científica que podemos mencionar son A hombros de
gigantes, programa de Radio Nacional de España cos descubrimentos máis
recentes, Respuestas
de la Ciencia, no que profesorado da UNED fala sobre temas curiosos de
múltiples áreas da ciencia, A
ciencia Cierta, que foi galardoado co Premio Prisma 2020 a mellor programa
de radio, ou Ciencia
para leer, un podcast do CSIC no que tratan cuestións da ciencia e a tecnoloxía
presentes na nosa vida.
O fenómeno Youtube tamén chegou ao mundo da ciencia e actualmente podemos
atopar varios youtubers científicos ou divulgadores que contan coas súas propias
canles. Algúns dos máis exitosos son Jose Luis Crespo co canal QuantumFracture, especializado
en vídeos de animación de divulgación científica, Eduardo Sáenz de Cabezón con Derivando, especializado
en divulgación matemática, ou Rocío Vidal con La gata de
Schrödinger, que comparte na súa canle contido de diferentes ciencias,
acompañados de humor e crítica social.
Para os amantes da fotografía, recomendamos a consulta de FOTCIENCIA,
proxecto de ámbito nacional que pretende achegar a ciencia á sociedade mediante
a fotografía. Contén máis de 500 imaxes sobre todo tipo de fenómenos
científicos acompañadas dun breve texto explicativo.
Por último, para as novas cabe salientar no ámbito nacional
a Agencia SINC, axencia de noticias
científicas da FECYT, ou The
Conversation, plataforma de divulgación científica na que participa persoal
investigador vinculado con universidades e centros de investigación; no ámbito autonómico
destacamos Gciencia, completísimo
proxecto de xornalismo de divulgación científica en galego.
Estes son só algúns exemplos de recursos que se poden atopar na rede que poden interesar a públicos moi variados e que reflicten a importancia que a divulgación científica está a ter nos últimos anos para difundir a ciencia á sociedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario