viernes, 1 de julio de 2022

Lecturas de verán 2022

Na última publicación do blog achegabamos algunhas propostas de ocio e cultura de cara as vacacións: exposicións, festivais, cine, viaxes... Nesta nova publicación queremos promocionar a lectura recompilando algunhas ideas para este verán.

No que respecta ao Servizo de Biblioteca da UDC, lembramos que nalgunhas bibliotecas das escolas e facultades da universidade contades coa sección BIC (Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas para todos os gustos, desde novelas ou ensaios, ata cómics e guías de viaxe, etc.

Como suxestións, queremos lembrar ao recentemente falecido Domingo Villar, destacando a súa triloxía de novela policíaca: Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco, todos eles dispoñibles na nosa colección.

Ademais, este ano tamén se cumpre o centenario dunha obra fundamental para a historia da literatura, o Ulises de James Joyce, igualmente dispoñible no noso catálogo.

Se buscamos recomendacións en fontes externas, atopamos centos de posibilidades:

En Página Dos, programa de libros de Televisión Española, pecharon a temporada esta semana cun especial de verán con propostas para ler durante as vacacións, ademais de entrevistar a Nuria Labari por “El último hombre blanco” e a Javier Peláez por “Planeta Océano”. Nesta ligazón pódese acceder ao programa completo.

Tamén atoparedes diversas suxestións nos suplementos culturais dos xornais, como este artigo publicado recentemente en Fugas, suplemento de La Voz de Galicia: 12 librazos para tirarse a la piscina, no que suxiren unha variada selección de thrillers, algo de poesía e tamén novela romántica e de sagas familiares.

As revistas sobre libros e lectura como Qué leer tamén poden proporcionarvos algunhas ideas. Na UDC, recíbena actualmente na Biblioteca de Economía e Empresa.

Os blogs ou portais de literatura son outras das fontes nas que atopar artigos con recomendacións. É o caso do blog Algunos libros buenos con 10 libros recomendados para el verano 2022 ou Estandarte con Selección de 9 libros para el verano de 2022. Tamén hai blogs especializados nun xénero concreto, como Elemental, blog de novela negra do xornal El País para comentar e compartir críticas sobre clásicos e novidades do xénero.

Por outra banda, algunhas editoriais mostran nas súas webs seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que ofrece este servizo a través de varias clasificacións: “Este verano...¡ponte a prueba con libros de actualidad!”, “Guías, rutas y consejos para viajeros”, ou “Lo mejor del cómic, fantasía y ciencia ficción bajo el sol”, entre outras.

As editoriais independentes Sexto Piso, Nórdica, Periférica, Impedimenta e Libros del Asteroide aproveitan para facer unha campaña de verán regalando unha bolsa de tea pola compra de dous libros a escoller entre un total de dez seleccionados.

Despois de todas estas suxestións, só quédavos elixir un libro para gozar dun momento de lectura e desconexión.

Feliz verán e felices lecturas!

No hay comentarios: