Xa queda pouco para o comezo das
vacacións de verán e desde o Servizo de Biblioteca achegámosvos nesta
publicación varias propostas para o voso tempo de lecer, tanto do noso catálogo
como doutras fontes.
Ao planear vacacións é común
pensar en viaxar. Se necesitades ideas para decidirvos a onde ir este verán, na
Biblioteca de Filoloxía prepararon na entrada unha selección de guías
turísticas de países dos cinco continentes que tamén podedes visualizar no seu Pinterest. Ademais, tamén podedes consultar
as guías de lectura “Guías
de viaxe” e “Viajes
con historia” da Biblioteca de Arquitectura Técnica, ou revistas
especializadas nesta temática como Viajar, Viajes
National Geographic ou ¡Hola! Viajes que
podedes atopar no portal de novas PressReader
subscrito pola biblioteca.
Outro clásico destas datas son as
Feiras do Libro de Galicia, que se
celebran en diversas vilas e cidades galegas, cunha programación na que se
combinan actividades lúdicas coas presentacións e firmas de libros habituais
nestas citas. Na Coruña celebrarase do 1 ao 10 de agosto.
Dos libros pasamos aos contos: aos
narradores, contacontos ou contadores de historias, xa que este ano o Festival
Atlántica celebra a súa décima edición consolidándose como un referente dos
encontros de narración oral. Do 30 de xuño ao 9 de xullo están previstas case cen
funcións con 42 narradores de todo o mundo en lugares de interese patrimonial
de 24 localidades de Galicia. Toda a programación pode consultarse na páxina web do festival.
Para os que esteades máis
interesados na divulgación científica, desde esta semana e ata o 13 de xullo
pode visitarse en Santiago de Compostela a exposición itinerante "La
ciencia según Forges", que consta de 66 viñetas sobre I+D+i publicadas
polo humorista gráfico no xornal El País.
Entre os contidos das viñetas atópase o cambio climático, a perda da
biodiversidade ou a reivindicación de máis atención e recursos para as
institucións científicas.
Outra exposición de interese que
xa está activa ata o 25 de xullo é a dedicada a actriz coruñesa María Casares,
da que este ano celébrase o centenario do seu nacemento. O Kiosco Alfonso
acolle a mostra "María
Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada", que achega
materiais de arquivos institucionais e persoais ata agora nunca expostos en
Galicia.
E se falamos de cine non podemos
esquecer a ampla colección de películas que ten a Biblioteca de Socioloxía e
CC. da Comunicación. No seu Pinterest convídannos
a explorar a súa colección audiovisual, a máis extensa da UDC.
Estas son só algunhas propostas destacadas, pero seguro que atopades moitas outras inicitivas para gozar do verán, que segue sendo unha época onde se mantén viva a cultura e as actividades lúdicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario