A semana pasada publicamos este
post no que reflexionamos sobre a desigualdade de xénero na ciencia e
curiosamente esta semana chéganos unha nova iniciativa a favor da
visibilización das investigadoras que traballan en España: o Laboratorio de
Cibermetría do CSIC vén de publicar por primeira vez o Ranking de investigadoras
españolas e estranxeiras que traballan en España segundo Google Scholar.
Esta edición consta de 5000
investigadoras ordenadas segundo maior índice h e secundariamente por número de citas. Segundo datos
do CSIC, éste é o organismo máis representado con 633 perfís, seguido pola
Universidad Complutense de Madrid, a Universitat de Barcelona, a Universidad de
Granada e a Universitat de Valencia. Do total de investigadoras, dúas delas
teñen índice h maior de 200 e dezasete teñen índice h maior que 100. O ranking
está encabezado por Judita Mamuzic,
do Instituto de Física Corpuscular (UV-CSIC; CERN).
No que respecta á Universidade da
Coruña, 46 investigadoras da nosa universidade atópanse neste ranking. A
primeira en aparecer é Soledad Muniategui
Lorenzo, especialista en química, que ocupa a posición 284 de España, cun
índice h 52 e 10513 citas. Séguenlle as investigadoras Purificación López
Mahía na posición 346 e María Carmen Veiga
na posición 422, ambas tamén do departamento de química.
Os responsables do ranking animan
ás investigadoras a crear o seu perfil en Google Scholar, incluír os
identificadores ORCID e ROR e manter actualizada a súa lista de publicacións. Para
calquera dúbida, poñen a disposición o correo electrónico do editor, isidro.aguillo@csic.es
Tamén insisten en que hai moitos
perfís (homes e mulleres) só coas iniciais do nome, polo que recomendan
utilizar o nome completo para poder coñecer o xénero do persoal investigador.
Para finalizar lembramos que dende o Servizo de Biblioteca recomendamos non descoidar a identidade académica dixital pola súa importancia para a visibilidade e avaliación científica. Na infoguía A identificación de autoría na UDC podedes atopar instrucións para crear ou actualizar un perfil en Google Scholar Citations, entre outros identificadores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario