A pesar do amplo desenvolvemento
normativo en materia de igualdade na ciencia ou algunhas tendencias positivas
en igualdade de xénero nos últimos anos, a situación das mulleres no ámbito da
investigación aínda está lonxe de ser igualitaria e todavía persisten obstáculos
e dificultades.
Así se reflicte en numerosos
artigos ou estudos. Por exemplo, no artigo “Mulleres,
ciencia e universidade: suspenso en igualdade?” escrito pola profesora da
UDC Ana Jesús López Díaz, revélase a desigualdade de xénero no ámbito
científico e académico a través de diferenzas notables na representación de
mulleres e homes segundo a rama de coñecemento ou no progreso na carreira
académica.
A mesma conclusión pode obterse
do informe Científicas
en cifras 2021, publicado polo Observatorio Mujeres, Ciencia e Innovación,
que sinala como unha das fendas de xénero que aínda persiste a menor presenza
de estudantes e investigadoras en áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e
Matemáticas). Ademais, a fenda de xénero tamén se aprecia nas solicitudes de
sexenios de investigación nestas áreas, nas que as mulleres presentan menos do
30% das solicitudes.
As iniciativas desenvolvidas
desde numerosas institucións para desterrar estes estereotipos de xénero, fomentar
as vocacións científicas entre as mozas ou facilitar referentes femininos son
moi numerosas e diversas: Alianza STEAM, Mujeres con ciencia, ¿Por qué tan pocas?, Iniciativa 11 de febrero, Científicas e innovadoras, etc.
No que respecta á UDC, lanzou a comezos deste ano UDCientíficas, un novo directorio de
expertas da nosa universidade para visibilizar o traballo das investigadoras a
través dun portal web que recolle o perfil das profesoras con datos do seu
labor investigador e de contacto. Ademais, no II
Plan de Igualdade da UDC hai un eixo dedicado a actividade investigadora no
que figuran diversas medidas para traballar a prol da igualdade, entre elas: dar
continuidade ao certame “Rosalind Franklin” sobre o papel das mulleres na
ciencia e na tecnoloxía, crear materiais específicos dirixidos ao alumnado de
secundaria que fomenten a presenza de mulleres/homes nas titulacións
masculinizadas/feminizadas, potenciar o liderado feminino nos proxectos de
investigación nos distintos ámbitos de coñecemento, etc.
Tamén queremos salientar o papel
fundamental que xogan as asociacións de mulleres para promover a igualdade
entre mulleres e homes no ámbito da ciencia. Pola súa importancia a nivel
estatal destacamos a labor da Asociación de
Mujeres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT). Unha das campañas que lanzou
foi #NoMoreMatildas, para denunciar
as consecuencias do denominado Efecto Matilda (a discriminación e prexuízo que
se produce en contra dos logros das mulleres científicas cuxas achegas adoitan
atribuírse aos homes).
Para finalizar, recomendamos estes módulos de formación en liña en diferentes aspectos de igualdade de xénero en I+D+i publicados recentemente pola Agencia Estatal de Investigación e desenvoltos coa Unidad de Mujeres y Ciencia do Ministerio de Ciencia e Innovación.

No hay comentarios:
Publicar un comentario