A extensión universitaria, xunto
co estudo, a docencia e a investigación, constitúe unha actividade básica da
universidade. Nesta publicación difundimos algunhas das actividades culturais, deportivas
ou lúdicas ás que teñen acceso tanto as persoas que pertencen á comunidade universitaria
como as de fóra dela. Estas actividades, que comprenden exposicións, obradoiros,
rutas, campamentos, deportes, etc., están orientadas a complementar a formación
curricular e difundir os coñecementos culturais ou artísticos a toda a
poboación.
Comezando pola Área de Cultura, ofrece unha oferta
cultural que comprende diversas actividades, entre elas:
- Exposicións, en moitos
casos realizadas en NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC.
- Proxeccións audiovisuais e coloquios
con cineastas
- Actividades musicais, incluíndo
concertos e outros recitais. Cabe salientar que a UDC pon a disposición do seu
alumnado entradas de balde
para concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia.
- Roteiros
- Obradoiros culturais, que
inclúen actividades como danza, fotografía, interpretación, etc. Nestes
obradoiros o alumnado da UDC ten dereito ao recoñecemento de créditos.
Por outra banda, a Área de Deportes oferta numerosas actividades
para fomentar a actividade física e o deporte, e consecuentemente, mellorar a
saúde e a condición física. Entre elas están: adestramento persoal, baloncesto,
Dance Fitness, fútbol, ioga, pilates, xadrez… e moitas máis que se poden
consultar nesta ligazón.
Tamén ofrece pequenas rutas
a pé de dificultade baixa ou moderada polos diferentes concellos das nosas
comarcas. Para poder inscribirse en calquera das actividades é necesario ter o Abono Deporte / Abono
Matrícula.
Ademais de todas estas
actividades para adultos, tamén queremos difundir os campamentos de verán que
ofrece a UDC para nenos e nenas, tanto na Área de Cultura como na Área de Deportes. A primeira oferta
actividades lúdicas en inglés e a segunda actividades multideportivas de
recreación, tempo libre, ocio e lecer (xogos tradicionais galegos, xincanas,
excursións, etc.).
En definitiva, todos os anteriores son exemplos de como a comunidade universitaria ou a poboación en xeral pode gozar destas actividades non académicas dunha forma entretida e enriquecedora. As sinaladas aquí son soamente unha mostra, pero animámosvos a consultar a páxina Sección de Extensión Universitaria para descubrir outras actividades coas que vos poden sorprender.
No hay comentarios:
Publicar un comentario