viernes, 20 de mayo de 2022

Acceso aberto: un repaso polo movemento e principais novidades

Nesta publicación facemos un pequeno repaso sobre o acceso aberto, difundindo os principais proxectos europeos e nacionais que apoian e promoven este movemento, así como os recursos en aberto aos que podedes acceder desde a páxina web do Servizo de Biblioteca.

O acceso aberto ou Open Access é un movemento que implica a dispoñibilidade libre e gratuíta dos contidos científicos e académicos en Internet, de forma que os/as usuarios/as poden consultalos gratis, descargalos, imprimilos ou distribuílos. Aínda que se adoita relacionar coa produción de artigos de revistas, tamén fai referencia a outro tipo de documentos como imaxes, documentos audiovisuais, materiais de aprendizaxe, etc.

O acceso aberto forma parte dun concepto máis amplo que é a Ciencia Aberta, dentro da cal caben unha ampla variedade de conceptos, como educación aberta, ciencia cidadá, revisión por pares aberta, etc. Nesta páxina da web do Servizo de Biblioteca pódense consultar os diferentes elementos que forman parte da Ciencia Aberta, así como unha taxonomía que relaciona e agrupa as diferentes praxis da mesma.

Na mesma páxina ofrécese un apartado dedicado ao movemento de acceso aberto, cunha infoguía que recolle moita información sobre este movemento (vantaxes, recomendacións, etc.) e cunha selección de recursos en aberto que abranguen portais de revistas, libros académicos, repositorios, así como extensións do navegador para acceder a documentos en Open Access.

Na actualidade, a importancia do acceso aberto é tal que moitos recursos de información contemplan a posibilidade de filtrar o contido atendendo a este criterio. É o caso de bases de datos tan importantes a nivel mundial como Web of  Science ou Scopus, por exemplo.

A nivel europeo, a Comisión Europea leva impulsando políticas e medidas relacionadas co acceso aberto desde 2006. Actualmente está vixente o programa Horizonte Europa (2021-2027), que mantén e reforza o apoio á ciencia aberta que se promoveu no programa anterior.

En España, a Ley 14/2011 de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación (art. 37), obriga a poñer en aberto os resultados da investigación financiada con fondos dos orzamentos xerais do Estado. Por outra banda, as universidades tamén mostraron o seu apoio a este novo modelo de investigación: a CRUE aprobou o documento Compromisos de las universidades ante la Open  Science, que contén dez accións concretas para impulsar a Ciencia Aberta.

Unha das novidades máis recentes en torno a este movemento é o novo borrador do Anteproyecto de Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) que se presentou a pasada semana. Nel dedícase un artigo á ciencia aberta e a ciencia cidadá (art. 63), considerando que o coñecemento científico é un ben común e que, polo tanto, débese compartir, non só a través das publicacións, senón tamén facilitando ao interesado os datos, códigos e metodoloxías.

O ministerio tamén pretende que haxa máis transparencia nas negociacións das universidades cos grandes grupos editoriais científicos para facilitar o proceso de apertura da ciencia. En relación ás axencias de calidade, afirma que deberán esixir a accesibilidade en aberto e utilizarán os repositorios institucionais como forma de acceso á documentación.

Outra das novidades contempla o impulso da ciencia cidadá para que a poboación poida participar en actividades de investigación científica mediante a colaboración de consorcios, comunidades autónomas, etc.

Outras ligazóns de interese:

- FAQs sobre acceso aberto: preguntas frecuentes sobre acceso aberto na páxina do proxecto Recolecta.

- Recomendación de la UNESCO sobre la Ciencia Abierta

No hay comentarios: