viernes, 23 de septiembre de 2022

Lembranza de Javier Marías


 O pasado 11 de setembro morría en Madrid Javier Marías, escritor, tradutor e editor español nado en Madrid o 20 de setembro de 1951 e pertencente a unha espléndida familia de humanistas: seu pai, o filósofo Julián Marías, súa nai, a escritora Dolores Franco Manera e os seus irmáns, Fernando, historiador da arte, e Miguel, crítico de cine e economista.

A súa obra foi moi extensa. A súa primeira novela, Los dominios del lobo, foi publicada aos 20 anos, en 1971. Pero ademais de novelas escribiu contos, ensaios, artigos periodísticos e un título de literatura infantil, Ven a buscarme, en 2011. A súa última novela, Tomás Nevinson, saíu en 2021 e a última recompilación de artigos periodísticos, ¿Será buena persona el cocinero?, neste mesmo ano.

Por moitos foi recoñecido como o mellor escritor da súa xeración. Os títulos Mañana en la batalla piensa en míCorazón tan blanco ou Tu rostro mañana supoñen cumes da literatura española das tres últimas décadas.

Tamén foi autor de numerosas traducións, na súa meirande parte de obras orixinais en lingua inglesa. Pola súa versión de Tristram Shandy recibiu en 1979 o Premio Nacional.

Así mesmo, as súas obras traducíronse a corenta e unha linguas en cincuenta países e vendeu máis de seis millóns de exemplares.

Nesta ligazón, pódese consultar a súa obra presente nas bibliotecas do Servizo de Bibliotecas da UDC.

Aínda que nunca foi premiado co Nóbel de Literatura, recibiu infinidade de premios. En concreto, foi o primeiro escritor español en recibir o Library Lion da Biblioteca Pública de Nova York. O Premio de la Critica recibiuno dúas veces: en 1993 por Corazón tan blanco e en 2018 pola novela Berta Isla.

Foi elexido membro da RAE o 29 de xuño de 2006 e desde entón ocupaba a cadeira “R”. Tomou posesión co discurso titulado Sobre la dificultad de contar. Respondeulle en nome da corporación Francisco Rico. O seu discurso de ingreso pódese ver aquí.

Todos os lectores do suplemento dominical de El País semanal, botarán en falta a súa columna da última páxina, que aparecía desde hai 20 anos.

Escribió Marías: Todo insiste y continúa solo, aunque opte uno por retirarse”. El morreu pero o seu legado continuará máis aló do tempo.Paradoja. Lo físico muere, pervive la ficción. Lo real fenece, lo inmortal se convierte en territorio de la memoria o en impreso de anaquel” (Alberto Barciela)

No seu blog están recollidas todas as homenaxes que desde a súa morte estanse a escribir nos xornais, revistas culturais e na radio.

No hay comentarios: