lunes, 11 de septiembre de 2023

Presentación do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña






Esta semana comeza un novo curso académico na universidade e nesta publicación faremos unha breve presentación do Servizo de Biblioteca da UDC, principalmente dirixida aos que vos incorporades este ano por primeira vez á universidade pero que tamén pode servir como recordatorio para os que nos acompañades desde hai anos.

Instalacións e horario


O Servizo de Biblioteca conta cunha Biblioteca Central e 15 bibliotecas das distintas escolas e facultades, repartidas nos diferentes campus da universidade. Como membros da comunidade universitaria tedes acceso a tódalas bibliotecas en igualdade de condicións, e por conseguinte, a tódolos seus fondos. O horario xeral de atención ao público é de 08.30 a 21.30, de luns a venres, que pode verse reducido en periodos de vacacións.

Aínda que non dependen do Servizo de Biblioteca, tamén tedes á vosa disposición tres grandes aulas de estudo nos campus de Riazor, Elviña e Esteiro con horarios máis amplos en época de exames.

Recursos e servizos


Nas bibliotecas podedes atopar toda a información que precisedes para as clases e os traballos de aula: os documentos que recomenda o profesorado en cada materia (bibliografía recomendada), libros e revistas en papel, así como documentos electrónicos (bases de datos, libros e revistas electrónicas). Tamén ofrecemos recursos para o tempo de lecer como películas, series, cómics, novelas, etc. 

Podedes atopar o material que ofrecemos presencialmente en cada centro ou explorando Crunia, o catálogo da biblioteca da UDC.

Entre os servizos que ofrecemos destacan:

- Préstamo das obras da nosa colección. Ademais, a través da vosa biblioteca podedes solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarvos (préstamo intercentros).

- Préstamo interbibliotecario, que posibilita solicitar a outras bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte da colección da biblioteca da nosa universidade.

- Préstamo de portátiles e lectores de libros electrónicos (só nalgunhas bibliotecas).

- Cursos de formación.

- Salas de traballo en grupo.

- Actividades culturais.

Páxina web, redes sociais e contacto


Podedes consultar máis información sobre todos os servizos e recursos de información na páxina web da Biblioteca Universitaria. Ademais, case tódalas bibliotecas das diferentes escolas ou facultades teñen páxinas web propias, nas que obteredes información adicional e atoparedes información máis específica sobre as materias do voso interese.

E, por suposto, lembrade que calquera dúbida que teñades sempre podedes contactar con nós por correo electrónico, por teléfono, nas nosas redes sociais ou empregando o formulario en liña Contacta coa biblioteca.

- Videopresentación: Crunia - Novo buscador da BUDC



Benvidos e benvidas ao novo curso na Universidade da Coruña!




No hay comentarios: