jueves, 30 de noviembre de 2023

Día Mundial da Sida 2023



O 1 de decembro de cada ano conmemórase o Día Mundial da Sida. Celebrouse por primeira vez en 1988, á proposta da Organización Mundial da Saúde, apoiada logo pola Asemblea Xeral da ONU, converténdose no primeiro día mundial dedicado á saúde. Elixiuse esta data porque foi precisamente o 1 de decembro do ano 1981 cando se realizou a primeira diagnose da enfermidade. 
Desde entón organismos internacionais, gobernos e sociedade civil únense esa día para apoiar, visibilizar e dar voz ás persoas que viven con VIH (na actualidade hai 39 millóns de infectados en todo o mundo segundo datos de ONUSIDA) recordar aos falecidos pola epidemia e concienciar á sociedade sobre a enfermidade, a súa prevención e tratamento, e o respecto polas persoas que a padecen. 
Cada Día Mundial da Sida dedícase a un tema. O lema deste ano é "Que lideren as comunidades", que pon énfase na importancia de que as organizacións das comunidades afectadas pola doenza asuman un papel de liderado na loita pola súa erradicación. 
No ámbito de España, e no contexto da conmemoración deste Día Mundial, o Ministerio de Sanidade pon en marcha a campaña "Ante el VIH. Besos i+ Besos". Enmarcada no "Pacto Social por la no discriminación y la igualdad de trato asociada al VIH", ten por obxectivo promover na sociedade actitudes de respecto polas persoas con VIH e contribuír a eliminar o estigma e a discriminación asociadas ao virus. 
A nivel galego, a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, celebra un acto institucional no que se fará entrega dos Premios de investigación sobre VIH e outras infeccións de transmisión sexual. Ademais desenvolverá unha campaña de concienciación nos centros de educación secundaria, bacharelato e formación profesional co obxectivo de informar sobre a transcendencia da enfermidade, a necesidade de prevención e a importancia de respectar os dereitos das persoas afectadas. Na campaña distribúense preservativos, cartaces, adhesivos co lazo vermello (símbolo internacional de apoio á loita contra a sida) e folletos con información preventiva.
No eido das bibliotecas, sobre todo as públicas, como institucións abertas á toda a sociedade sen ningún tipo de discriminación, lévanse a cabo, moitas veces en colaboración con organizacións que traballan no eido do VIH/Sida, actividades como mostras de libros e películas relacionadas co VIH, recompilación e difusión de recursos de información sobre a temática, guías de lectura, conferencias ou proxeccións de vídeos. 
Se queredes ampliar información, esta é a ligazón á web de ONUSIDA, o programa conxunto das Nacións Unidas sobre VIH/Sida que coordina as actividades dos distintos organismos da ONU na súa loita contra a enfermidade, e cuxo obxectivo é poñer fin á epidemia  para o ano 2030 como parte dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Nela poderedes atopar un bo número de recursos sobre o tema: 


No hay comentarios: