viernes, 15 de diciembre de 2023

Novidades Sexenios 2023



A pasada semana a  ANECA fixo público o documento final enviado ao BOE cos criterios de avaliación da próxima convocatoria 2023 dos sexenios de investigación, que foron aprobados, o 5 de decembro, polo Pleno da Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora (CNEAI), tras unha actualización  que ten como obxectivo principal axustar os ditos criterios á Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) e ao Real Decreto 678/2023, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios, e que introduce cambios relevantes respecto a anos anteriores.

Para levar a cabo esta actualización a ANECA decidiu por primeira vez abrir, entre o 6 e o 19 de novembro, un período de consulta pública sobre o borrador dos criterios de avaliación, durante o que se recibiron centos de achegas dos diferentes axentes do sistema investigador e científico, algunhas das cales foron incluídas na elaboración do texto definitivo.

Entre as novidades máis destacadas desta convocatoria, a propia ANECA destaca as seguintes:

- Amplíase o tipo de aportacións que os solicitantes poden someter a avaliación (conxuntos de datos, programas de ordenador, modelos de aprendizaxe automático...) e acéptanse as aportacións extraordinarias en todos os Campos.

- Avánzase cara a novas formas de avaliación que combinen criterios  cualitativos e cuantitativos para a valoración das aportacións. Introdúcense así as orientacións do movemento internacional de reforma da avaliación da investigación aos que ANECA se adheriu este ano (DORA e CoARA), que se concretan na solicitude dunha narración xustificativa achegada polo solicitante cos indicios de relevancia e impacto de cada aportación. Inténtase, deste xeito, darlle máis importancia á valía da aportación en si mesma que ao medio no que esta se difunde.

- Promóvese o acceso aberto, incluíndo entre os requisitos o depósito en repositorios de acceso aberto, cun identificador persistente, dos resultados de investigación que se sometan a avaliación. Ao mesmo tempo, respéctase o dereito de atribución ou transferencia a terceiros dos dereitos sobre as publicacións que impidan que estean en acceso aberto, ao aceptar aportacións que estean depositadas en repositorios con período de embargo.

- Foméntanse e téñense en conta as traxectorias investigadoras interdisciplinarias, que ata o momento tiñan un difícil encaixe nos procesos de avaliación, a través da creación dun novo campo: "Campo 0. Interdisciplinar y multidisciplinar".

- Homoxeneizase a información da sección II de criterios específicos para os distintos campos.

- Posibilítase presentar menos de cinco aportacións se o solicitante xustifica situacións de permisos de maternidade ou paternidade, excedencias por coidado de fillos, familiares en primeiro grao dependentes, por razón de violencia de xénero ou violencia terrorista.

- Elimínase a obriga de presentar dúas aportacións substitutorias, que pasarán a ser opcionais.

Para ampliar información sobre as novidades deste ano recomendámosvos a consulta de:

No hay comentarios: