viernes, 19 de enero de 2024

Bibliometría narrativa nos sexenios 2023

Como vimos na anterior entrada do blog, na convocatoria de sexenios de 2023, e como resultado da adhesión da ANECA ao movemento de reforma da avaliación da investigación, introdúcese un reaxuste na combinación de métodos cualitativos e cuantitativos para valorar as achegas presentadas.

Así, será necesaria a xustificación, a través dunha narrativa, da relevancia e impacto científico e social das aportacións. E os indicadores cuantitativos, que ata o de agora eran o principal referente á hora de avaliar as contribucións, pasan a considerarse un apoio da dita narrativa e deben usarse de xeito responsable e contextualizado. Deste xeito, a bibliometría narrativa non só achega datos numéricos, senón que os explica e os dota de contexto.

Para completar a narrativa, o solicitante poderá apoiarse en múltiples indicadores: citas recibidas contextualizadas, proxección nacional e internacional, proxectos que financiaron a investigación, premios recibidos, traduccións da obra, contribucións á xeración de impacto social, etc. Tal e como se sinala no apéndice “Dimensiones, métricas y fuentes de la bibliometría narrativa” da Resolución de 5 de diciembre de 2023, de la Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora, por la que se publican los criterios para la evaluación de la actividad investigadora, do que vos recomendamos a atenta lectura, as métricas e indicadores que servan de base á narrativa poderanse extraer a distintos niveis:

 

- Nivel de aportación: aquelas métricas sobre o impacto e difusión das contribucións en si mesmas, no que haberá que atender a 4 dimensións:

  • Métricas de citación: usando indicadores de citación normalizada por categoría e reconto de citas excluíndo autocitas.

  • Métricas de uso e lectura: reconto de descargas, visualizacións en repositorios, plataformas editoriais, infraestruturas dixitais académicas.

  • Métricas de influencia ou adopción social: mencións procedentes de fontes externas ao ámbito académico e medios de publicación tradicionais: número de mencións en medios de comunicacións ou en informes de políticas públicas.

  • Métricas de visibilidade social: métricas procedentes de plataformas sociais, preferentemente académicas e especializadas, inclúense as mencións e interaccións que propiciaron as aportacións.


Nivel do medio de difusión: métricas que atenden á calidade e prestixio do medio (revista, editorial) no que se difunde a obra, no que se incluirán as seguintes dimensións:

  • Métricas de impacto científico do medio: diversos indicadores cuantitativos que ofrecen información sobre o impacto da revista na que se difunde a contribución ou da editorial.

  • Métricas sobre a calidade na xestión do medio: taxas de aceptación, tipo de revisión por pares, internacionalización. Verifícanse a través de certificacións acreditativas de boas prácticas


- Nivel de contribución científica en aberto: métricas sobre a difusión en aberto da obra e/ou os datos, no que se poderán tratar dimensións como:

  • Depósito ou publicación en repositorios dixitais de acceso aberto: valoraráse a difusión en acceso aberto e sen restriccións, a publicación en revistas e plataformas de acceso aberto diamante (sen restricións nin tasas para lectores nin autores).

  • Compartición datos, metodoloxías, programas de ordenador e modelos de aprendizaxe automático a través de repositorios ou outras plataformas destinadas a tal fin.

  • Ciencia aberta á sociedade: colaboración e implicación da cidadanía durante o proceso de investigación, diálogo con axentes sociais.

É importante a consulta da táboa 1 “Lista de posibles metricas, fuentes y dimensiones para evidenciar el valor de cada aportación”, da dita resolución para coñecer máis polo miudo as fontes de onde extraer as distintas métricas.



Deixámosvos ademais a ligazón a un traballo de recente publicación que vos pode ser de grande utilidade xa que inclúe exemplos concretos de posibles narrativas:

Torres-Salinas, D., Orduña-Malea, E., Delgado-Vázquez, A., & Arroyo-Machado, W. (2024). Fundamentos de Bibliometría Narrativa (v.1). Zenodo. https://doi.org/10.5281/zenodo.10512837


No hay comentarios: