jueves, 25 de enero de 2024

Highly Cited Researchers 2023: investigadores altamente citados


A mediados de novembro de 2023 Clarivate fixo pública a súa listaxe de Highly Cited Researchers 2023, que inclúe os investigadores máis influíntes na última década nos seus respectivos campos, para o cal toma en consideración os artigos incluídos na Core Collection de Web of Science situados no 1% dos máis citados no seu eido entre os anos 2012 e 2022.

Un dos aspectos máis destacables desta edición é a aplicación duns criterios e estándares de avaliación e selección dos candidatos máis rigorosos que en edicións previas, co obxectivo de ser máis eficaces á hora de detectar posibles fraudes e malas praxes. O proceso comezou coa elaborción dunha listaxe preliminar cos artigos máis citados da última década. A continuación, aplicáronselle unha serie de filtros e controis para identificar diferentes factores (hiper-autorías, autocitacións excesivas, patróns inusuais de citacións en grupos...) que implicasen a exclusión de investigadores. Como resultado, e segundo Clarivate, máis de 1000 posibles candidatos foron excluídos da listaxe final, o dobre que en 2022.

Concédense nesta última edición un total de 7.125 recoñecementos a 6.849 investigadores, máis do 80% dos cales levan a cabo a súa actividade en institucións sitas nun reducido número de países (10). Estados Unidos é o país que máis investigadores aporta, cun total de 2.669, o que representa un 37,4% do total; esta porcentaxe, no entanto, diminuíu case 6 puntos nos últimos cinco anos. En segundo lugar aparece China, con 1.275 investigadores, o 17,9% do total, unha porcentaxe que aumentou un 10% no mesmo periodo, o que parece indicar un certo reequilibrio de forzas no taboleiro científico e investigador internacional, no que China gaña importancia e Estados Unidos, aínda que mantén o seu liderado, a perde. O resto de países do top 10 son: Reino Unido (574), Alemaña (336), Australia (321), Canadá (218), Países Baixos (195), Francia (139), Hong Kong (120) e Italia (115).

En canto ás institucións máis representadas, a Chinese Academy of Sciences lidera a listaxe con 270 mencións, seguida pola Universidade de Harvard, que perde o primeiro posto, con 237, e a Universidade de Stanford, con 126. A nivel europeo, destacan a Universidade de Oxford, con 62, e a Max Planck Society, con 59, que ocupan, respectivamente, a novena e décima posición.

Polo que respecta a España, nesta edición figuran 104 investigadores que teñen a súa filiación principal en institucións españolas, o que sitúa ao país no posto 12 do ránking, o mesmo que ocupaba en 2022. O Consejo Superior de Investigaciones Científicas, con 20, a Universitat de Barcelona, con 9, e a Universidad de Granada, con 6, son as institucións cun maior número de investigadores altamente citados.

O Sistema Universitario de Galicia, pola súa parte, está representado por un investigador: Álvaro Goyanes, da Universidade de Santiago de Compostela.


No hay comentarios: