miércoles, 15 de mayo de 2024

Luisa Villalta. Letras Galegas 2024

Este ano o Día das Letras Galegas homenaxea a Luisa Villalta (A Coruña 1957-A Coruña 2004). Como violinista, dramaturga, poeta, narradora, ensaísta, filóloga, articulista e educadora, representa a cultura galega contemporánea, á que defende co seu activismo continuo en colaboración con asociacións e proxectos de toda índole.

Naceu e creceu na Coruña. Estudou na cidade e dende os 8 anos estudou música no seu Conservatorio ata chegar a obter a titulación superior en violino -como ela o chamaba-. Tras rematar os seus estudos no Instituto Eusebio da Garda en 1974, estuda en Santiago de Compostela Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa. Pero sempre seguirá vencellada á música, formando parte de grupos de música, de orquestas como a de Santiago ou da Xove Orquestra de Galicia ou como estudosa. Dende 1988 é profesora de ensino medio en varios institutos e, dende 1991, exercerá como docente no Instituto Isaac Díaz Pardo de Sada. O seu alumnado lembra a súa dedicación en defensa do ensino público e da educación como espazo de libertade e como lugar onde corrixir as desigualdades.

Luísa Villalta foi unha escritora multixenérica que abrazou a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de carácter memorialístico. Pola súa parte, a música artella toda a súa obra literaria e, máis en concreto, a súa poesía e o seu teatro.

Como poeta publicou os libros Música Reservada (1991) -o primeiro de toda a súa obra-, Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), En concreto (2004) e Papagaio (2006, póstumo). Participou regularmente en recitais e actos de espallamento da poesía galega tanto na Galiza como no exterior.

Como dramaturga deixounos Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das Esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999). E como novelista Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001).

Mostra do seu traballo filolóxico son os libros ensaísticos O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) O outro lado da música, a poesía (1999), onde estuda a poesía galega e o seu vencellamento coa música.

O seu artigo “Mulleres si, pero” e o traballo “Por que os homes non nos len?” condensa as súas ideas sobre o feminismo. “O feminismo ten un campo de análise e actuación renovado na medida en que parte da súa mensaxe está a ser reutilizada como un novo meio de aclimatar unha nova feminidade, isto é, mudar o necesario para que nada mude”; e insta ás mulleres a que non se conformen consigo mesmas e amplíen o seu rexistro involucrándose en terreos inhabituais.

Na súa longa traxectoria defendeu activamente a cultura e a lingua galegas: participou nas actividades da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en calidade de vogal, coordinou a "Área de Revisión histórica e análise crítica da cultura" no Foro da Cultura Galega, e participou constantemente en actos, recitais poéticos, mesas redondas, debates e pronunciamentos públicos.

A Biblioteca Universitaria ten unbo fondo da autora, que pon a disposición de toda a comunidade universitaria. Así mesmo, o Servizo de Publicacións vén de publicar o seu libro Por que os homes non nos len, con prólogo de María Pilar García Negro.

Actos na honra de Luisa Villalta

A Universidade da Coruña celebra o 15 de maio dous actos:

-          10:30 horas. Lectura de poemas no Paraninfo da Reitoría.

-          19:30 horas. Concerto de Chicharrón no xardín da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.

-          A Biblioteca de Filoloxía inagura a exposición “Letras galegas 2024: Luisa Villalta”.  A mostra, amosa fondos propios das bibliotecas da UDC e da Biblioteca-Arquivo Pillado Mayor, como o texto orixinal de ‘Música reservada’, o manuscrito inédito da peza teatral ‘Os pasos contados’ e un caligrama do poema da obra ‘Ruído’, dedicado a Pancho Pillado. Trátase do único caligrama en cor que realizou Luísa Villalta e un dos dous que fixo, xunto ao de ‘Rota ao interior do ollo’.

O acto da Real Academia Galega será o 17 de maio cun pleno extraordinario de Luisa Villalta a partir das 12:30 horas no Teatro Rosalía da Coruña, que se emitirá en directo dende academia.gal. As alocucións sobre a homenaxeada serán pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo, e o académico Euloxio R. Ruibal. A parte musical correrá a cargo da violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa.

A Universidade Sénior da UDC celebra as Letras Galegas con actos en Ferrol e na Coruña, os días 16 e 21 de maio, respectivamente.

O Consello da Cultura Galega e o Concello da Coruña organizan o Concerto das Letras Galegas, cunha obra orixinal do compositor Federico Mosquera e con texto de Luisa Villalta. O 16 de maio ás 20:30 h no Teatro Colón da Coruña.

A A.C. Alexándre Bóveda celebra o xoves 16 o acto Luísa Villalta na lembranza. Nel, tres amigas repasarán a súa vida e obra: Ana Pillado, Marga do Val e Pilar García Negro. Ás 19:00 h.

O Roteiro A Coruña de Luisa Villalta: límite exterior, organizado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, terá lugar o 16 de maio ás 17:00 horas.

 Ligazóns de interese

Letras Galegas 2024. Real Academia Galega.

Luisa Villalta: Día das Letras Galegas 2024. Consello da Cultura Galega.

Primavera das Letras 2024. Real Academia Galega.

Setestrelo. Luisa Villalta. Portal das Palabras.

Luisa Villalta para as pequenas e os pequenos. Real Academia Galega.

No hay comentarios: