viernes, 22 de noviembre de 2024

25 anos do pasamento de Gonzalo Torrente Ballester



Este ano celebramos os 25 anos do pasamento de Gonzalo Torrente Ballester, un dos escritores españois máis polifacéticos do século XX, e tamén un dos máis laureados posto que recibiu múltiples premios e entre eles algúns dos de maior sona no ámbito hispánico como: o Premio da Crítica 1972, o Premio Nacional de Literatura 1980, o Premio Príncipe de Asturias de las Letras 1982 o Premio Cervantes 1985 e o Premio Planeta no 1988.


Este ferrolán insigne, Académico na Real Academia da Lingua Española e da Real Academia Galega, foi ademáis dun gran novelista, dramaturgo, articulista, ensaísta, crítico literario, guionista cinematográfico e profesor de historia e de literatura.





Aínda que viviu moitos anos na diáspora, Torrente Ballester estivo sempre moi vinculado a Galicia e de xeito especial ós lugares onde morou e exerceu a súa docencia: Ferrol, Santiago, Bueu, Pontevedra, e Vigo.  Ferrol foi a súa vila natal, onde viviu en varios períodos e onde descansan os seus restos mortais. Santiago, a cidade na que primeiro foi estudante e logo profesor da súa Universidade, na que escribiu a súa primeira novela e onde está a súa fundación. Bueu onde casou por primeira vez... Todas elas foron fonte de inspiración e escenario de moitas das súas obras, polo que están presentes tamén na exposición recentemente inaugurada na Biblioteca Nacional de España,  que pretende render unha homenaxe merecida e sincera a este gran autor ó mesmo tempo que aspira a acercar a súa figura a toda a cidadanía. 


A exposición, “Gonzalo Torrente Ballester, la travesía de un creador”, comisariada por Carmen Becerra, profesora da Universidade da Vigo experta na obra do autor, e o que fora reitor da Universidade de Santiago, Darío Villanueva, está organizada pola BNE en colaboración coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester e outras entidades como a Xunta de Galicia. Dita exposición pódese visitar de balde  ata o 12 de Xaneiro do 2025 na Biblioteca Nacional e esperamos no próximo ano podamos desfrútala en terras galegas, posto que  tal como se anunciou na súa presentación a exposición viaxará por distintos puntos da xeografía.   


Mentres tanto deixámosvos unha colección en Crunia coas súas obras disponibles nas bibliotecas da UDC e unha escolla de recursos en internet sobre a súa vida e obra . 

- Biografía , na Real Academia Española 

Biografía , na Real Academia da Historia

- Biografía  como gañador do premio Cervantes

Monografía sobre Gonzalo Torrente Ballester do Centro Virtual Cervantes

- Rexistro sobre o autor  da Biblioteca Nacional Española

Peza documental de Informe semanal elaborada no decimo quinto aniversario do seu falecemento 

Documental sobre Gonzalo Torrente Ballester disponible en RTVE

- Adaptación televisiva da obra Los gozos y las sombras disponible en RTVE




No hay comentarios: