Malia que poda parecer contradictorio a retractación de artigos é unha ferramenta útil e necesaria para corrixir erros graves de publicación e garantir a integridade e transparencia do sistema de publicación do coñecemento.
Se revisamos a historia da Ciencia podemos comprobar como existe unha longa traxectoria de erros e correccións, aínda que nos últimos tempos o seu uso asóciase máis a fraudes e a omisións mal intencionadas que a un comportamento responsable por parte dos
autores ou editores, motivo polo cal isto está a xerar desconfianza cara a Ciencia e o seu sistema de publicación.
Tipos de erros nas publicacións e tipos de correccións
En termos xeral podemos falar de dous tipos de erros nas publicacións:
- Erros honestos que poden ser de moitos tipos. Omisións de informacións, erros metodolóxicos ou estatísticos, informáticos ou humanos e que poden chegar a facer que os resultados sexan irreproducibles.
- Erros deshonestos ou de mala conducta. Aquí entraría dende o plaxio de publicacións propias ou alleas, pasando pola manipulación de datos ou imaxes, as omisións deliberadas de información relevante, (como a declaración de conflito de intereses ou a inexistencia de conformidade co estudo por parte do comité de ética correspondente), ata a falsificación ou fabricación de datos. En moitos destes casos tamén se obteñen resultados irreproducibles.
Por outra banda as revistas e editoriais utilizan distintos tipos de notas para corrixir erros de publicación segundo a súa gravidade, que son: as erratas, as expresións de preocupación ou correccións e as retractacións. Pero o emprego dun tipo de nota ou doutro non está normalizado, polo que pode ser un pouco subxectivo e ata cuestionable, chegando incluso a atopar artigos retractados que anteriormente xa recibiran outro tipo de corrección.
Exemplo de Politica sobre a correción de erros en artigos publicados, da Revista de Investigación en Logopedia. |
Situación actual.
Nos últimos anos o número de artigos retractados aumentou exponencialmente, á vez que aumentou tamén o seu control e súa difusión, malia que seguen a ser deficientes. Aínda que a situación mellorou, queda moito por facer xa que se estima que so unha pequena parte dos artigos problemáticos son obxecto deste tipo de correccións, arredor dun 20% (Ortega y Delgado-Quirós, 2023)
Non é un problema sinxelo de resolver, posto que son moitos os factores que inflúen no crecemento dos artigos retractados: o crecemento exponencial do número de artigos e de revistas publicadas, procesos de revisión deficientes, sistemas de avaliación que fomentan practicas pouco éticas dos investigadores, artigos escritos por ferramentas de IA, etc.
Ademais, aínda que existen unhas recomendacións do Committee on Publication Ethics (COPE) sobre as retractacións dende 2019, as revistas non sempre o aplican polo que o seu control segue a ser complicado.
Como localizar artigos retractados.
Afortunadamente cada vez temos máis recursos e máis variados para detectar estas publicacións, e incluso xorden novos perfís profesionais como “os caza fraudes” científicos.
A primeira fonte que deberíamos consultar para saber se un artigo foi retractado sería ir a propia revista. No caso das revistas dixitais, ambas publicacións (o artigo e a retractación) deberían estar vinculadas pero non sempre é así.
Exemplo de artigo retractado |
A segunda recomendación sería acudir as principais bases de datos referenciais, xa que a maior parte delas indexan tamén as notas de corrección ou retirada dos artigos publicados nas revistas e enlazan ambos rexistros, ademais de permitir a opción de filtrar ou eliminar dunha busca os rexistros dos artigos que teñan sido retractados.
Por último podemos acudir a ferramentas especializadas como Pubpeer e RetractionWatch ou usar xestores de referencias como Ednote e Zotero que sinalan os artigos que teñen sido retractados.
Exemplos de referencias de artigos retractados vistos en Zotero |
Pubpeer é unha plataforma de revisión aberta de artigos xa publicados que permite denunciar publicamente irregularidades nos traballos tanto de xeito persoal como anonimamente.
RetractionWatch é a base de datos máis completa para localizar este tipo de artigos. Naceu en 2010 coma un blog para denunciar casos de fraude científica, pero actualmente conta tamen cunha basede datos actualizada diariamente e mantida por CrossRef. Ademais do blog e a base de datos ofrece outros recursos interesantes como un buscador de revistas “pirateadas ou clonadas” e varios listados de artigos retractados por categorías (premios Nobel, Covid, artigos redactados por ChatGPT, etc. )
Base de datos de RetractionWatch |
En calquera caso sempre é recomendable comprobar en varias fontes que os artigos que imos citar no noso traballo non teñen sido retractados, porque a cobertura é variable.
Referencias:
No hay comentarios:
Publicar un comentario