lunes, 9 de mayo de 2016

2ª EDICIÓN DO CURSO "ESTRATEXIAS PARA INCREMENTAR A VISIBILIDADE E O IMPACTO DOS RESULTADOS DA INVESTIGACIÓN”


A semana pasada rematou a parte teórica en liña da segunda edición do curso semipresencial "Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación”, impartido polo Servizo de Biblioteca e as bibliotecas dos centros, en colaboración co CUFIE, e no que se inscribiron douscentos PDI e doutorandos.

Dita parte teórica constou de catro módulos de dous temas máis un obradoiro cada un.

No primeiro módulo, “A identificación de autor: nome e filiación”, tras falar dos problemas para recuperar a totalidade da produción científica dun científico, e das cuestións de filiación institucional, que requiren de nomes normalizados para investigadores e centros, analizáronse as distintas solucións dispoñibles para o investigador, entre as que destaca ORCID pola súa implantación cada vez máis xeneralizada (a UDC promove que todos os investigadores da Universidade teñan este identificador) e a súa interoperabilidade. ORCID, aparte de identificar ao autor, permite a creación dun perfil bibliográfico dixital completo, interoperando cos sistemas de perfís ResearcherID da WOS, Scopus Author ID, etc. No curso viuse pormenorizadamente o funcionamento dos distintos sistemas de identificación e de perfís de investigadores.

O segundo, que leva por título “A publicación científica”, deu no primeiro tema “Recomendacións para publicar” baixo o prisma de criterios de acreditación e avaliación, para a selección da revista na que publicar un artigo (indicadores como o JCR ou o SJR), ou da editorial no caso de monografías. O segundo tema analiza cuestións previas ao envío do artigo, no marco da relación autor-editor.

O terceiro módulo, “A publicación e o acceso aberto. O repositorio institucional da UDC (RUC)” estudou por un lado o acceso aberto e, por outro, o RUC. Respecto do Open Access,  fíxose fincapé na súa importancia e necesidade, tanto económica como legal, e nas súas vantaxes. Recordáronse as dúas vías do acceso aberto: verde -revistas OA- e dourada: os repositorios, seus diferentes tipos, exemplos, mellores prácticas, requirimentos técnicos e de propiedade intelectual: compatibilidade con revistas, tipos de licenzas, Creative Commons, etc. O segundo tema está dedicado ao RUC, o repositorio institucional da UDC, que recentemente migrou a unha nova versión. O obradoiro deste módulo consistiu no autoarquivo polos participantes dunha publicación propia no RUC.

Por último, en “Plataformas sociais e redes científicas”, tratouse no tema 1 o papel dinamizador das novas tecnoloxías, da web 2.0 e do movemento internacional do acceso aberto na investigación científica,  que dá lugar a unha ciencia 2.0 caracterizada pola colaboración, participación e a crecente accesibilidade gratuíta aos resultados da investigación. As principais redes sociais de científicos, ResearchGate e Academia.edu foron obxecto de estudo no tema 2.


A segunda parte do curso é presencial, e levaráse a cabo en forma de obradoiros individualizados nas bibliotecas dos distintos centros da UDC entre o 9 de maio e o 3 de xuño.

No hay comentarios: