lunes, 15 de mayo de 2017

Carlos Casares, Letras Galegas 2017


O Día das Letras Galegas ven tendo lugar tódolos 17 de maio dende 1963. A primeira homenaxeada foi Rosalía de Castro, xa que precisamente nesa data conmemórase o centenario da primeira edición en 1863 da súa obra Cantares Gallegos.
Este ano está dedicado a Carlos Casares, que naceu en 1941 en Ourense e faleceu en Vigo en  2002. Ademáis de polo seu talento literario, destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país. Comezou a súa carreira literaria moi novo, pois en 1965 publicaba os seus primeiros relatos na revista Grial. Como narrador ocupa un lugar indiscutible na historia da literatura galega. 
Ademáis da súa condición de novelista, cultivou a literatura para nenos con obras como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, galardoada en 1973 co Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Xuventude da Asociación Cultural O Facho. Desta obra temos no Fondo Francisco Pillado Mayor da Biblioteca da Facultade de Filoloxía varias edicións da mesma, ademáis de carteis e folletos de representacións teatrais da obra que tamén se encontran dixitalizados e accesibles nesta sección do RUC

Tamén hai que salientar o seu papel como biógrafo doutros grandes escritores galegos como Otero Pedrayo, Vicente Risco, etc., así como de articulista en distintas cabeceiras, recibindo os premios de xornalismo "Fernández-Latorre" en 1983 ou o "Julio Camba" en 1995.
Se vos interesa coñecer a súa obra podedes consultar no catálogo tódolos documentos que temos del e sobre él na Biblioteca da UDC.
Entre os fitos máis relevantes na súa biografía destacan o seu ingreso na Real Academia Galega en 1978, a dirección da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e a presidencia do Consello da Cultura Galega (1996-2002). Ademáis, a Xunta de Galicia recoñeceu o seu enorme labor concedéndolle, en 1989, o premio á creación cultural.

En canto as actividades commemorativas que se levarán a cabo estes días, a UDC realiza este xoves 18 un acto ás 19:00 h. na sala de prensa da Reitoría da universidade con esta programación. Ademáis, a Biblioteca da Facultade de Filoloxía realizou unha exposición sobre o autor.
A USC, como tódolos anos dende 2013, dedica un blog a cada figura homenaxeada no día das Letras Galegas. O deste ano pódese consultar na seguinte ligazón.  Pola súa parte, a Universidade de Vigo a través do seu servizo de televisión por Internet Uvigo-TV, ofrece varios videos relacionados co homenaxeado.
Tamén dende o Concello de A Coruña programaron diversas actividades que inclúen concertos, recitais ou lecturas dramatizadas, que se desenvolverán dende hoxe luns 15. O propio 17 de maio o Goberno local organizará, por segundo ano, unha lectura pública dende o balcón do Pazo de María Pita. O programa completo pódese consultar nesta ligazón.
Por último, destacamos que na web da Real Academia Galega atópase un amplo apartado dedicado á historia do Día das Letras Galegas, así como ás biografías e obras de tódolos homenaxeados ao longo da historia.

No hay comentarios: