viernes, 7 de diciembre de 2018

Exposición “A biblioteca errante. Juan Negrín e os libros” (2019. A Coruña)


O martes 11 de decembro inaugúrase na Casa Museo Casares Quiroga a exposición “A biblioteca errante. Juan Negrín e os libros”. Estará aberta ao público até o vindeiro 13 de xaneiro de 11:00h a 13:30 h e de 18:00 a 20:00h. O festivos de 12:00 a 14:00h.
Esta é a terceira vez que se exhibe. A primeira vez foi no Instituto Cervantes de París e logo pasou á Universitat de València. Na seguinte ligazón pódese facer unha visita virtual.
Os manuais de historia falannos do Negrín que nace  nas Palmas de Gran Canaria o 3 de febreiro de 1892, vive no exilio desde o final da Guerra Civil e morre en París o 12 de novembro de 1956. Dannos a coñecer a súa faceta como recoñecido médico, catedrático de fisioloxía da Universidad Central de Madrid, director do Laboratorio de Fisiología General do Instituto Nacional de Ciencias e do Laboratorio de Prácticas na Facultade de Mediciña; fundador da escola de fisioloxía na que os seus alumnos se beneficiaron da súa imponente biblioteca médica e  secretario da Junta Constructora de la Ciudad Universitaria en Madrid. Tamén estudan polo miúdo o Negrín político que ingresou no PSOE en 1929 e foi deputado polas Palmas, ministro de Facenda e presidente do Goberno da segunda República desde o 17 de maio de 1937, tras a dimisión de Largo Caballero.
Noentanto, esta exposición recolle a faceta menos coñecida de Negrín como apaixoado bibliófilo dono dunha biblioteca moi amplia, variada e valiosa que comezou a crear xa na súa etapa de estudiante en Leipzig. A exposición quere salientar o carácter errante desta biblioteca, pois reúne fragmentos dela que estiveron repartidos por diversos puntos de España e Europa desde que se establece en Valencia en 1936 e máis tarde durante o exilio.
A súa neta  Carmen Negrín é herdeira da súa biblioteca que conserva no que foi a domicilio do seu avó en París. Ela cedeu amablemente parte da colección para a súa exhibición na Coruña.
Móstranse en torno a 140 títulos –libros, folletos e revistas- ordenados pola súa data de edición.
A exposición está organizada cronoloxicamente nas seguintes etapas:
1-      Entre Leipzig e Madrid, 1914-1936: Negrín fórmase e desenvolve o seu traballo como fisiólogo. As ciencias, as artes as letras e a política mézclanse na súa biblioteca.
2-      A Editorial España: selo creado no 1929 xunto aos seus amigos Luis Araquistáin e Julio Álvarez del Vayo que reflicte o alento reformista e modernizador do Semanario España (1915-1924).
3-      De Madrid a Náquera e Barcelona, 1936-1939: A biblioteca comenza o seu éxodo desde que Negrín se traslada a Valencia. Ofrece un amplo rexistro das prensas republicanas como a Memoria de la Oficina de Adquisición de Libros ou a revista literaria e artística Hora de España.
4-      A soidade da República: atopamos edicións dos discursos de Manuel Azaña durante a Guerra Civil.
5-      Bibliotecas no exilio, 1939-1956: desde Londres comeza unha nova biblioteca orientada a libros de bibliófilo e outros que mostran a amplitude da súa lectura. De entre eles, Sotheby’s poxou uns 550 no ano 1958.
A Fundación Negrín posúe o seu arquivo e unha biblioteca especializada na súa figura, no primeiro terzo do s.XX, na segunda República e na Guerra Civil.
(Na imaxe un dos grabados de Galicia Mártir de Castelao, un dos libros presentes na mostra)

No hay comentarios: