viernes, 14 de diciembre de 2018

Ferramentas Open Access de apoio á investigación


Vimos de engadir na web da biblioteca unha nova sección con diversas ferramentas en acceso aberto de apoio á investigación. Na imaxe que acompaña a este post (Jeroen Bosman & Bianca Kramer, Utrecht University Library) propóñense 6 etapas coas súas correspondentes accións e ferramentas que o investigador pode contemplar ao longo do seu fluxo de traballo para facelo máis aberto.

Nunha primeira fase de investigación inclúese:
- Compartir propostas, poñendo como exemplo a revista RIO, que publica todos os resultados do ciclo da investigación, incluíndo datos, métodos, fluxos de traballo…nunha plataforma colaborativa.
- Empregar bibliotecas de referencias compartidas, propoñendo o xestor bibliográfico Zotero, ferramenta libre para axudar a recoller, organizar, citar e compartir a investigación.
- Comentarios abertos a través de ferramentas como Hypothes.is, que permite manter discusións, ler, estudar, organizar a investigación e tomar notas persoais.

Na segunda fase de análise:
- Pre-rexistro, en sitios como OSF ou AsPredicted.
- Compartir datos en repositorios como Dryad (contén datos referidos a publicacións de ciencias e mediciña), Zenodo (ofrece unha ventá unica para os resultados da investigación europea) ou Dataverse (aplicación web de código aberto para compartir, preservar, citar, explorar e analizar os datos de investigación).
- Compartir código en repositorios como GitHub.
- Compartir cadernos de notas, por exemplo con OpenNotebookScience, web que permite grabar todos os datos da investigación a medida que avanza. Pódense almacenar plans de proxectos, protocolos…
- Compartir protocolos e fluxo de datos con repositorios de métodos científicos como Protocols.io, que permite crear e revisar protocolos.

No que respecta á escritura,  propóñense sitios para redactar en XML aberto como Overleaf ou Authorea e utilizar formatos procesables por exemplo con Jupyter.

A cuarta fase, de publicación, inclúe:
- Compartir preprints, en repositorios como Arxiv ou OSF Preprints.
- Utilizar a revisión por pares aberta, por exemplo en PubPeer, web que permite aos usuarios discutir e revisar a investigación científica.
- Publicación en Open Access, ben a través da vía verde ou dorada.
- Utilizar licenzas abertas como CC0.

Nunha quinta fase de alcance proponse:
- Compartir posters e presentacións, por exemplo en FighShare, que permite gardar todo tipo de documentos resultado dunha investigación que doutro xeito non se publicarían: datos, imaxes, vídeos, figuras, etc.
- Comunicación nas redes sociais
Para finalizar, nunha última fase proponse engadir unha avaliación alternativa, por exemplo con almetrics.

No hay comentarios: