Na actualidade existe
unha gran variedade de modelos de adquisición de libros electrónicos e as
bibliotecas están a usar uns ou outros en función da oferta de editores
(Elsevier, Springer…) e agregadores (ofrecen libros de diferentes editores na
mesma plataforma, por exemplo, Ebsco), do número de licenzas, condicións de
acceso, etc. Algúns permiten a compra perpetua de libros (adquírese en
propiedade o contido seleccionado, mantendo os dereitos de acceso de forma
indefinida. Un inconveniente desta opción é que algúns editores obrigan a
adquirir coleccións completas como única alternativa á compra de determinados
títulos), mentres que noutros casos só se ofrece a subscrición. Neste post
do portal Bibliopos pódense consultar con máis detalle os diversos modelos de
adquisición de libros electrónicos máis habituais.
Entre eles está a adquisición baseada na evidencia (EBS),
na que nos centraremos neste post. Trátase dunha opción vantaxosa para a
biblioteca, xa que permite acceder durante un determinado período de tempo á
colección completa e, despois deste período, adquirir os libros seleccionados
pola biblioteca segundo os datos de consulta e uso dos mesmos. Desta forma, o
modelo EBS permite que a biblioteca poida realizar a selección e adquisición
dos títulos máis relevantes e interesantes para os seus usuarios.
No caso da biblioteca
da UDC, vén de adquirir recentemente dúas coleccións de libros segundo este
modelo:
- Springer
Nature: selección de libros electrónicos organizados en 11 coleccións que
estarán dispoñibles ata o 30 de decembro deste ano 2019. Finalizado este
periodo, seleccionaranse para adquirir en propiedade aqueles títulos que máis
se utilizasen.
- Wiley
Online Library: máis de 22.000 títulos de libros electrónicos de carácter
científico organizados en 17 coleccións. Neste caso estarán dispoñibles ata o 30
de setembro, e ao igual que no caso anterior, a biblioteca seleccionará para
adquirir en propiedade aqueles títulos que máis se utilizasen.
No caso deste último editor,
este é o terceiro ano que a biblioteca adquirirá libros desta forma, xa que vén
de adquirir de manera perpetua 395 títulos que se seleccionaron tras o periodo
de proba do ano pasado. Sumados aos 298 seleccionados no 2017, a biblioteca
conta cun total de 693 títulos, os cales poden consultarse tanto dende a páxina do editor, a través do xestor
de enlaces SFX de Pórtico, e por último, tamén están incluídos no catálogo
da biblioteca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario