lunes, 4 de febrero de 2019

A colección da biblioteca da UDC: 2007-2017


No post desta semana continuamos a análise comezada a semana pasada sobre a evolución da biblioteca da UDC nos últimos 10 anos, esta vez centrándonos na súa colección. Ao igual que no último post, tomamos o ano 2017 como último de referencia, xa que é o último dispoñible nas estatísticas de REBIUN, á espera da actualización das do pasado ano 2018.
Analizaremos as cifras dos principais tipos de documentos: monografías e publicacións periódicas (tanto en papel como electrónicas) e bases de datos.
Facendo un pequeno resumo sobre o que ofrece a biblioteca da UDC ás súas, aproximadamente, 23.600 persoas usuarias, podemos dicir que pon a súa disposición unha extensa colección de libros e revistas en papel (862.156 e 9.274, respectivamente), libros e revistas electrónicas (111.474 e 27.288, respectivamente), 51.238 documentos noutros formatos (DVD, mapas…) e 59 bases de datos, repartida entre a páxina web da biblioteca e os 17 puntos de servizo.

Comezando cos datos das monografías, os ítems de monografías en papel informatizados (cada un dos exemplares) son actualmente 862.156. No ano 2007 a cifra era de 659.534, a cal foi ascendendo paulatinamente ata chegar á cifra actual.
Os volumes ingresados por compra foron 9.738 no ano 2017. Houbo unha clara diferenza entre ese ano e o 2007 (no que o número foi de 23.758), posiblemente polo descenso na adquisición de documentos que comentabamos no anterior post produto dos recortes nos orzamentos das bibliotecas nos últimos anos. Este descenso podémolo observar tamén nas outras bibliotecas das universidades galegas: no caso da Universidade de Santiago de Compostela houbo un descenso de 23.982 volumes no 2007 a 7.807 no 2017; na Universidade de Vigo pasouse de 16.525 no 2007 a 6.402 no 2017.

En canto ás publicacións periódicas, os títulos ingresados por compra (contabilízanse títulos, non subscricións), ao igual que no caso das monografías, descenderon dende o ano 2007, no que a cifra foi de 3.007 fronte aos 900 títulos do 2017. Este descenso tamén é visible nas outras dous bibliotecas universitarias galegas.
Pola súa parte, os títulos das publicacións periódicas en papel mortas (é dicir, que non se publican ou non se reciben actualmente) foron en ascenso: os 3.481 títulos do 2007 incrementáronse ata os 7.867 do 2017.
Mentres que o número destas publicacións en papel foron descendendo, no que respecta á información electrónica sucede todo o contrario: no caso das monografías electrónicas houbo un importante ascenso: de 15.074 no 2007 pasouse a 111.474 no 2017. Tamén incrementáronse as publicacións periódicas electrónicas: de 18.365 no 2007 a 27.288 no 2017.
O último tipo de material que citaremos son as bases de datos: o número que consta no 2017 son 51, fronte as 68 do 2007. 

Para finalizar, sinalar que o total de títulos informatizados que figura no 2017 ascende a 611.436, dos que 85.794 foron informatizados ese mesmo ano. Maiores son as cifras da Universidade de Santiago, na que constan un total de 1.254.354 de títulos (23.101 informatizados no 2017), e menores na Universidade de Vigo: 436.909 títulos, dos cales 11.261 informatizáronse nese último ano. Estas cifras refírense ao número total de títulos (rexistros bibliográficos) de calquera clase de documento, catalogados.
Rematamos o post facendo referencia á infografía “REBIUN en cifras 2018”, que se edita por segundo ano consecutivo cun resumo dos datos estatísticos do ano. No que respecta á colección, sinálanse un total de 55.022.365 libros entre o conxunto de bibliotecas que forman parte de REBIUN, dos que un 23% son electrónicos. Pola súa parte, as revistas suman un total de 2.720.080, que na súa maior parte son electrónicas (un 96%), destacando así a importancia da súa colección en liña.

No hay comentarios: