viernes, 8 de febrero de 2019

Altmetrics: métricas alternativas


Coñecemos como altmetrics ou métricas alternativas aquelas que xurdiron para medir o impacto da investigación máis aló das métricas tradicionais da produción científica (como o factor de impacto, número de citas…). Neste caso analizan o impacto e visibilidade da actividade científica na web social: por exemplo, número de tweets, descargas, mencións en blogs, veces que foi gardado un documento nun xestor bibliográfico, etc. 
As principais ferramentas para medir a repercusión dos traballos científicos nas redes sociais son:

- Altmetric: mostra o impacto da investigación a nivel de artigo de maneira moi visual, por medio de donuts de cores, os cales reflicten as fontes nas que se atoparon as mencións ao artigo. A puntuación do centro é o "Altmetric Attention Score", puntuación outorgada ao artigo que permite comparar o nivel de atención que recibiu. Nesta imaxe podedes ver un exemplo desta ferramenta. 

-  Impactstory: aplicación web que traballa a nivel de autor, permitindo aos usuarios compilar os seus altmetrics nun único perfil. Ofrece insignias ou logros que contextualizan varias métricas de investigación. Nesta ligazón mostramos un exemplo de visualización dun perfil de autor en Impactstory.

- PlumX: permite categorizar, visualizar e analizar o impacto social e académico de investigadores e institucións. Considérase unha das ferramentas que máis métricas recolle, agrupándoas en 5 categorías: 1.Uso (clicks, descargas, visionados...); 2.Capturas (marcadores, exportacións...); 3.Mencións (comentarios, blogs...); 4.Redes sociais (likes, comentarios e outras interacións en redes sociais); 5.Citas (citas recibidas na literatura científica). Nesta imaxe tedes un exemplo de visualización dun artigo con PlumX.

- PLoS Article Level Metrics: servizo proporcionado pola Public Library of Science para os autores de traballos publicados en revistas PLoS. Incorpora métricas sobre o uso e impacto que teñen os seus artigos agrupándoas en 5 categorías: visitas, gardado, discusión, recomendación e citas. Nesta ligazón mostramos un exemplo de visualización dun artigo. 

- Kudos: plataforma que ofrece servizos de axuda aos investigadores para mellorar a súa visibilidade e permite realizar un seguimento do impacto das súas publicacións. É importante sinalar que Kudos non orixina ningunha das métricas, senón que os datos son proporcionados por editores e proveedores de datos altmétricos como por exemplo Altmetric.com.

Son numerosas as bases de datos que ademais das citas tradicionais, ofrecen información sobre estas métricas alternativas. Por exemplo, nesta imaxe de Scopus podemos ver que inclúe na marxe dereita tanto o reconto de citas clásico como o conxunto de altmétricas de PlumX. Se accedemos a PlumX vemos nesta imaxe as 5 categorías citadas anteriormente con tódalas interacións sociais. 

Para finalizar, comentar que as redes sociais académicas poden contribuír á explotación altmétrica. Por exemplo, Academia.edu inclúe tanto métricas a nivel de autor (seguidores, percentil de visitas…) como de documento (vistas, lecturas, mencións…). Outro exemplo é ResearchGate, que inclúe tanto indicadores bibliométricos tradicionais como o índice h ou citas ata métricas de uso (Readers) ou de conectividade (Followers, Followings e RG Reach).

No hay comentarios: