viernes, 15 de febrero de 2019

Ranking Web de Universidades - Webometrics: actualización xaneiro 2019


Recentemente foi actualizado o Ranking Web de Universidades, polo que neste post comentaremos principalmente os datos que afectan á UDC. Trátase dunha iniciativa do Laboratorio de Cibermetría, grupo de investigación que pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), para medir a presenza na web e a visibilidade das universidades e institucións de educación superior. Dende 2004, publícase dúas veces ao ano: unha a finais de xaneiro e outra a finais de xullo. 

Son catro os indicadores que teñen en conta para clasificar ditas institucións:
- presenza: número de páxinas web do dominio principal da institución. Inclúe tódolos subdominios. Ten un valor do 5%.
- impacto: número de redes externas que orixinan backlinks (ligazóns que recibe unha páxina web desde outros sitios web) ás páxinas web da institución. Ten un valor do 50%.
- apertura: número de citas dos principais autores segundo a fonte Google Scholar Citations. Ten un valor do 10%.
- excelencia: número de artigos académicos publicados en revistas internacionais de alto impacto comprendidos entre o 10% máis citados das súas respectivas disciplinas científicas. Ten un valor do 35%.

No que respecta a España, os primeiros postos ocúpaos a Universidad de Barcelona e a de Valencia. A UDC atópase no posto 23 de 263 institucións incluídas. As outras universidades galegas, Santiago e Vigo, ocupan as posicións 54 e 29 respectivamente.
A nivel Europa, liderada pola Universidad de Oxford, a UDC aparece no posto 345 de 5890, e a nivel mundial, no que se atopa en primeiro lugar a Universidad de Harvard, a UDC ocupa o posto 820 de 11999.
Estes datos amosan unha mellora respecto a edición de xaneiro do pasado ano 2018, no que a UDC ocupaba o posto 38 en España (subiu 15 postos), o 377 en Europa (mellorou 32 postos) e o 895 a nivel mundial (mellorou 75 postos).
Por indicadores, a UDC sitúase no posto 72 en presenza (5º posto a nivel España), no 1140 en impacto (41º posto a nivel España), no 898 en apertura (22º posto a nivel España), e no 1031 en excelencia (39º posto a nivel España).

No hay comentarios: