miércoles, 27 de marzo de 2019

O cambio climático e as bibliotecas


O cambio climático é unha das principais ameazas á que nos enfrontamos na actualidade. Segundo o Ministerio para la Transición Ecológica, ”En la actualidad existe un consenso científico, casi generalizado, en torno a la idea de que nuestro modo de producción y consumo energético está generando una alteración climática global, que provocará, a su vez, serios impactos tanto sobre la tierra como sobre los sistemas socioeconómicos”. As altas temperaturas son o síntoma máis evidente do cambio climático, pero existen moitos outros como a intensidade das tormentas, a propagación de enfermidades, a desaparición de especies animais ou o perigo na produción de determinados alimentos.
Dende as bibliotecas pódese contribuír á loita contra o cambio climático con edificios máis sostibles, un mellor uso dos recursos ou sensibilizando aos usuarios. Algúns exemplos son o sistema de xestión ambiental denominado Biblioteca Verde de bibliotecas das universidades de Burgos, Las Palmas de Gran Canaria, Sevilla ou Huelva, entre outras. Entre as accións levadas a cabo dende estas bibliotecas destacan a realización de xornadas de formación medioambiental, inclusión de diferentes puntos de reciclaxe ou paneis solares que xeran de forma autónoma enerxía coa que é posible conectar os portátiles.

No que respecta á Universidade da Coruña, presentou o pasado ano o Campus da Sustentabilidade, que impulsa a excelencia no coñecemento para a transición a estilos de vida sustentables, que protexan os recursos naturais, freen o cambio climático e promovan o benestar. Unha das súas áreas de especialización  céntrase na economía verde, a xestión do cambio climático, a eficiencia enerxética, o uso dos recursos naturais e o transporte sustentable.
Antes da creación deste Campus, a UDC xa traballaba neste ámbito grazas á incorporación de varios dos seus centros ao programa internacional Green Campus. Grazas a este compromiso, a UDC sitúase na posición número 7 a nivel de España e na 93 a nivel internacional segundo o ranking GreenMetric, cuxo obxectivo é proporcionar unha clasificación atendendo ás políticas relacionadas co medio ambiente (loita contra o cambio climático mundial, conservación da enerxía e a auga, reciclaxe de residuos…) nas universidades de todo o mundo.

Para finalizar queremos facer referencia á Agenda 2030 para el Desarrollo Sostenible aprobada pola ONU, que conta con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que inclúen dende a educación ou a igualdade da muller ata a defensa do medio ambiente. En concreto o obxectivo 13 esixe medidas urxentes para combater o cambio climático e as súas repercusións. 
Queremos citar esta axenda porque neste contexto, a IFLA elaborou o documento Acceso y oportunidades para todos: cómo contribuyen las bibliotecas a la Agenda 2030 de las Naciones Unidas, no que defende que as bibliotecas son institucións fundamentais para lograr estes obxectivos. Trátase dun documento moi interesante no que para cada obxectivo cita exemplos de accións ou programas en funcionamento en bibliotecas que contribúen a alcanzar cada un deles. Por exemplo, para ó referido ao cambio climático cita a Biblioteca del Patrimonio de la Biodiversidad, que contén obras que os científicos están a utilizar para marcar os avances en materia de poboación e ecosistemas e informar os futuros modelos de cambio climático.

No hay comentarios: