lunes, 22 de abril de 2019

Día do Libro 2019


Mañá celébrase o Día do Libro, polo que como todos estes últimos anos, dedicamos un post do noso blog á conmemoración de dito día. O 23 de abril de 1616 faleceron Cervantes, Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. O día tamén coincide co nacemento ou a morte doutros autores destacados como Nabokov ou Josep Pla.  Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia General de la UNESCO para rendir unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores.
Cada ano, a UNESCO xunto con organizacións profesionais do mundo do libro, elixen unha capital mundial do libro, que este ano recaeu en Sharjah, dos Emiratos Árabes Unidos, “pola natureza innovadora, integral e inclusiva da súa solicitude, cun programa de actividades centrado na comunidade que contén propostas creativas para involucrar á numerosa poboación migrante”. A UNESCO, nesta 24ª edición do Día do Libro e do Dereito de Autor tamén avoga por celebrar a literatura e a lectura centrándose na importancia de mellorar e protexer as linguas indíxenas, en liña coa celebración do Ano Internacional das Linguas Indíxenas.

En España, o Ministerio de Cultura únese a esta festa do libro cunha serie de actos. O máis significativo é a entrega do Premio Cervantes, que é o máximo recoñecemento ao labor creador de escritores españois e hispanoamericanos cuxa obra contribuíu a enriquecer de forma notable o patrimonio literario en lingua española. A escritora uruguaia Ida Vitale, Premio Cervantes 2018, recibirá o galardón.  
Tamén dende o Ministerio crearon este sitio web para a ocasión, e dende a conta @librolecturagob na rede social Twitter propoñen cheala de libros e bibliotecas utilizando o hashtag #unLibrounaBiblioteca contando cales son os vosos libros e bibliotecas preferidas.

Para finalizar, informámosvos que tamén con motivo deste día, bibliotecas de museos e centros de arte e cultura únense no bookcrossing. O Museo de Belas Artes de A Coruña participará nesta iniciativa.

No hay comentarios: