viernes, 21 de junio de 2019

Descontos para autores da UDC por publicar en acceso aberto




A publicación en revistas de acceso aberto xeralmente ten costes de publicación APC (Article Processing Charge), que son pagados ben polos propios autores, polas institucións ou as axencias financiadoras da investigación. 
Neste sentido, o Servizo de Biblioteca da UDC ten acordos con algúns editores para obter descontos nas tarifas de publicación de artigos en aberto, o cal pode resultar de gran interese para autores da nosa universidade:
·      Revistas de ACS (American Chemical Society): os investigadores da UDC que desexen publicar os seus artigos en acceso aberto poden beneficiarse dun desconto do 25% por artigo. O investigador debe ser o autor principal da publicación. Este desconto realízase de forma automática ao introducir a institución na publicación de ACS tal e como aparece na súa páxina http://acsopenaccess.org/, onde se atopa máis información sobre tarifas e descontos. Proporcionamos tamén unha listaxe dos títulos de revistas de ACS.
Como información complementaria, sinalar que ACS ten dúas revistas completamente Open Access: ACS Central Science, publicación sen custo para o autor, e ACS OMEGA, publicación con custo reducido. Ademais, permite publicar baixo licenzas Creative Commons.
·      Cambridge University Press (CUP): 10% de desconto nos Article Processing Charges (APC) de Gold Open Access Journals e Hybrid Journals. O desconto non inclúe títulos de revistas "Non OA" de determinadas sociedades. A lista de precios dos APCs e de revistas excluídas pode consultarse nesta ligazón.
Para poder beneficiarse deste desconto, no proceso de envío do artigo tense que introducir un código que se debe solicitar á biblioteca. 
·      Revistas de MDPI (Multidisciplinary Digital Publishing Institue): cabe sinalar que MDPI publica todas as súas revistas en acceso aberto baixo unha licenza Creative Commons, e para cubrir o custo de proporcionar un servizo de publicación de alta calidade, os autores pagan un cargo único para os manuscritos aceptados despois da revisión por pares (non hai cargos por artigos rexeitados). Grazas á adhesión da UDC ao Programa de Acceso Aberto Institucional de MDPI, os autores benefícianse dun desconto do 10% nas tarifas de publicacións polos artigos aceptados. Este desconto aparecerá preseleccionado de forma automática se os autores realizan o proceso dende dentro dos rangos IPs da UDC. Dende fóra da rede universitaria terían que seleccionar a institución no último paso do envío do artigo.​
Nesta ligazón atópase a listaxe de revistas e taxas, pero infórmase que os APC para os artigos enviados despois do 30 de xuño de 2019 cambiarán para varias revistas, e remítese a esta páxina para obter máis información.
·      RSC (Royal Society of Chemistry): a RSC proporciona a todos os autores a opción de publicar os seus artigos Gold Open Access a través do pago dun APC na aceptación de calquera das súas revistas. Os seus APCs están entre os máis baixos dos editores e tamén ofrecen unha gama de opcións de exención e descontos. Todos os artigos que se publican con Gold Open Access están suxeitos a unha rigorosa revisión por pares, edición profesional e servizos de produción, e serán accesibles para todos no seu sitio web. A RSC aplica un desconto do 15% do total da APC, este faise efectivo automaticamente por parte da RSC por recoñecemento da dirección de correo electrónico institucional.
·      SCOAP3 (Sponsoring Consortium for Open Access Publishing): é un proxecto no que participan máis de mil bibliotecas internacionais, consorcios e centros de investigación. Os artigos de revistas do campo da Física de Altas Enerxías son publicados en acceso aberto, baixo licenzas CC-BY e sen custo directo para os autores. Nesta ligazón pode consultarse a listaxe de revistas actualmente no acordo.

No hay comentarios: