miércoles, 31 de julio de 2019

48ª Feira do Libro na Coruña




Dentro do marco das Festas de María Pita 2019, mañá xoves 1 de agosto ás 13:00h arranca nos Xardíns de Méndez Núñez a 48ª Feira do Libro da Coruña, que se poderá visitar até o domingo 11 baixo o lema "Máis que palabras", en homenaxe a Antón Fraguas. A pregoeira encargada da súa inauguración é Pilar Pallarés, poetisa nada en Culleredo, Premio da Crítica española 2018 por Tempo fósil e Letra E da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.       
  
Desde o seu comezo en 1966, cando o o xefe do Departamento de Difusión do INLE e os editores e distribuidores da cidade decidiron celebrar a primeira feira, viuse celebrando sen interrupción, no mesmo lugar e polas mesmas datas, aínda que nos seus comezos era bienal. O número de casetas foi variando e nesta edición contamos con 22 librarías da Coruña e doutras localidades,  9 editoriais e con representación tamén das bibliotecas da cidade.
Desde o comezo houbo agasallos para os compradores, para as mulleres, unha rosa, para os homes un cinseiro e para a cativería un cómic. Hoxe gozamos do 10% nas compras e participamos nun sorteo de libros diariamente. Outras curiosidades como a elección da Dulcinea da Feira, muller que destacaba pola súa beleza entre as mulleres que formaban a corte da raíña das festas, foron desaparecendo.
Desde 1974 a feira coincide nas datas coa Feira de Artesanía de Galicia. Jaime Hervada, alcalde naquelas datas sinalaba: “Estamos inaugurando la feria de la cultura, representada por el libro y por la artesanía gallega”.
Dentro da programación, todos os días desenvólvense múltiples actividades para todos os públicos, sinaturas de exemplares, charlas, presentación de libros, obradoiros,  concertos e contacontos. Para isto contamos con dúas carpas, a carpa Luisa Villalta coas actividades dirixidas a adultos e a carpa Xabier P. Docampo, para as actividades infantís. Cabe destacar que o 7 de agosto en horario de mañá haberá actividades que contarán con intérprete de Lingua de Signos Española.
Este ano a feira conta con redes sociais propias en Twitter, Instagram e Facebook.
Tras o seu remate, poderemos seguir gozando de feiras do libro en Galicia: en Viveiro, do día 14 ao 18; en Foz, entre o 22 e o 25; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 28 ao 31. Nas redes tamén podemos seguir atentos ao seu desenvolvemento. A nivel internacional, o Ministerio de Cultura e Deporte infórmanos das feiras nas que España terá unha participación especial no 2019.

No hay comentarios: