No volume 38 da Revista Galega de
Historia Murguía de xullo-decembro 2018 (páxs. 163-170) aparece publicado o artigo A Biblioteca da Universidade da Coruña entre
1998 e 2018, do director da Biblioteca Universitaria da Coruña, Pedro Incio.
O presente artigo supón unha revisión e actualización dos datos ofrecidos nunha
conferencia pronunciada polo dito autor en 1999, no marco do curso Xestión da información na rede de bibliotecas
de Galicia, celebrado pola Fundación Alfredo Brañas, e que pode consultarse
no repositorio e-LIS (E-prints in Library and Information
Science).
A antedita conferencia analizaba a evolución da biblioteca universitaria,
centrándose principalmente na situación das tres universidades de Galicia,
recollendo o esquema en tres etapas
proposto por Lluis Anglada en varias das súas publicacións:
·
Das
bibliotecas da universidade á biblioteca da universidade: etapa que comeza coa
LRU (Ley Orgánica 11/1983, de 25 de agosto,
de Reforma Universitaria) e se desenvolve nos anos oitenta do século pasado.
·
Da
biblioteca da universidade ao sistema bibliotecario da universidade: etapa
marcada pola automatización das bibliotecas universitarias.
·
Última
etapa, xa actual no ano 2018, que substitúe o sistema bibliotecario por un
servizo de apoio á docencia e á investigación.
Como base para analizar cada unha
destas etapas, a conferencia centrábase nos seguintes aspectos fundamentais: o
incremento no número de universidades e o cambio na súa xestión que supuxeron
as diferentes normativas de reforma universitaria, os procesos de
automatización desenvolvidos nas bibliotecas e os proxectos de catálogos
colectivos existentes, os orzamentos das mesmas e o crecemento do fondo
bibliográfico, así como a dotación de persoal ao longo dos anos.
No artigo de 2018, como xa se
mencionou, póñense ao día os datos presentados en 1999 coas últimas
estatísticas de REBIUN, a fin de proporcionar unha visión máis actual da
biblioteca universitaria hoxe en día, tomando de novo como exemplo a situación
das tres bibliotecas universitarias galegas e, en especial, a da Biblioteca
Universitaria da Universidade da Coruña, da que se ofrece ademais un anexo cos
datos para o ano 2004.
A modo de resume, pódese concluir
que o número de universidades foise incrementando de xeito paulatino dende os
anos 80 do século pasado, especialmente no eido privado, aínda que na
actualidade existe un certo estancamento, con 52 universidades públicas fronte
a 32 universidades privadas, a maioría das cales están incluídas na rede de
bibliotecas universitarias REBIUN. Paralelamente ao crecemento das institucións
universitarias, cos seus correspondentes servizos bibliotecarios,
produciuse un importante despegue nas
coleccións bibliográficas, pasando duns 6.000.000 de libros e folletos en
1980 ata os máis de 31 millóns de monografías en papel que recollen as últimas
estatísticas de REBIUN, valor que ascende a máis de 54 millóns se se teñen en
conta as obras electrónicas. A porcentaxe deste volume correspondente ás
bibliotecas universitarias galegas varía arredor do 7% nos últimos anos. Ante
isto, hai que salientar que tanto o volume de adquisicións como o gasto en
material bibliográfico en Galicia foron decaendo nas últimas décadas con respecto
ao total das universidades, pasando dun 11% e un 13% respectivamente en 1998
ata practicamente a metade no 2018. En canto ao persoal, as tres universidades
galegas experimentaron unha mellora considerable neste espazo de tempo, non só
na dotación numérica, senón tamén na especialización, coa cobertura dos postos
por persoal técnico, dende os facultativos ata os auxiliares. En último lugar,
e polo que respecta á automatización, xa en 1998 había 60 bibliotecas con case
todos os seus procesos automatizados, situación xeneralizada hoxe en día e co
futuro aberto ás novas ferramentas de descubrimento.
Para consultar os datos concretos, nuns
días poderase consultar o artigo no repositorio e-LIS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario