A pasada semana publicouse o ranking Nature, que destaca as institucións e os países que dominaron a investigación en ciencias naturais en 2018.
As disciplinas científicas
representadas son 4: Química, Física, Ciencias da Terra e Medio Ambiente, e
Ciencias da Vida. Tamén é importante sinalar que ten en conta as publicacións en
82 revistas científicas de alto impacto elixidas por un grupo independente de
investigadores activos. Por isto, e tal e como amosan na web do propio ranking,
é importante que os usuarios entendan que os datos baséanse nunha proporción
relativamente pequena do total de traballos de investigación, que cobren só as
ciencias naturais e que os resultados non están normalizados (é dicir, non
reflicten o tamaño do país ou institución, ou o seu resultado xeral de
investigación).
No que respecta á Universidade da Coruña, obtivo unha boa
posición, aumentando un 28% a súa produción científica respecto ao ano
anterior. Dos 198 centros de investigación de España incluídos neste ranking, a
UDC atópase no posto 37. Nesta ligazón
pódese consultar o ranking de institucións españolas, no que o primeiro lugar
está ocupado polo CSIC, seguido do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de
Barcelona e, terceiro, a Universidade de Barcelona. En canto as outras dúas
universidades galegas, a Universidade de Santiago de Compostela está no posto
8, aumentando un 0,6% a súa produción científica, e a Universidade de Vigo, no
posto 42, baixa un 28,4%.
A Química é a disciplina máis
representada na UDC, tal e como se amosa nesta
gráfica do ranking. En canto á colaboración
nacional e internacional da nosa universidade, a primeira está representada
cun 12,87% e a segunda cun 87,13%. No primeiro posto das institucións
colaboradoras nacionais atópase a Universidade de Santiago de Compostela; a
nivel internacional, o CNRS de Francia.
A nivel mundial, o centro de
investigación que ocupa o primeiro lugar é a Academia de Ciencias de China,
seguido da Universidade de Harvard e o Instituto Max Planck de Alemaña. O
primeiro centro español en aparecer nesta listaxe mundial, é o CSIC, no posto 54.
En canto
aos países que máis contribuíron aos
artigos publicados nas 82 revistas, nesta ligazón
pódese consultar o resultado do ranking. Estados Unidos ocupa o primeiro lugar,
pero China achégase con moita rapidez, aumentando un 17% a produción respecto
ao ano pasado. España ocupa o 11º posto de 50 países, coa Química como
disciplina máis representada, seguida da Física.
No hay comentarios:
Publicar un comentario