viernes, 12 de julio de 2019

II Xornadas de Xestión do Patrimonio Bibliográfico




Os días 6 e 7 de xuño de 2019 celebráronse na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela as II Jornadas de Gestión del Patrimonio Bibliográfico, organizadas conxuntamente pola propia universidade e o Grupo de Trabajo de Patrimonio Bibliográfico de REBIUN.

Estas xornadas, inauguradas no ano 2017, tentan ser un foro especializado de debate sobre a xestión das coleccións patrimoniais e especiais en bibliotecas e arquivos, e están abertas a todos aqueles profesionais, investigadores e persoas con interese na xestión do patrimonio bibliográfico.

As xornadas organízanse ao redor de dous bloques temáticos principais: a Xestión da colección e Conservación e restauración. Dentro destes bloques trátanse temas relacionados co tratamento da colección nos seus aspectos básicos (adquisición, catalogación, dixitalización...), ademais de todos aqueles aspectos que teñen que ver coas condicións ambientais dos edificios, a manipulación das obras ou os tratamentos destinados á mellor protección dun material moi sensible. Como novidade, nesta II xornada engadiuse un novo punto no apartado de Xestión da colección: Bibliotecas históricas como apoio ao estudo, a docencia e a investigación.

O programa da xornada amosa o enorme interese que esperta o patrimonio bibliográfico, algo entendible dado o carácter histórico de moitas das universidades españolas e a consecuente presenza nelas de coleccións acumuladas ao longo dos séculos. Por iso, ademais de catro conferencias principais, que daban inicio a cada un dos bloques, foron moi abundantes as comunicacións presentadas, con representación moi nutrida de bibliotecas e arquivos de todo o país.

Dentro das comunicacións pódense destacar as dúas presentadas por membros da Universidade da Coruña.

A doutoranda Mónica Martín Molares, en colaboración con Javier Ruiz Astiz, da Universidade de Navarra, analiza en El Catálogo y Biblioteca Digital de Relaciones de Sucesos: una herramienta para la gestión y conservación del patrimonio bibliográfico os cambios realizados nesta base de datos e biblioteca dixital, que recolle e xestiona a información bibliográfica sobre relaciones de sucesos que foron impresas entre os séculos XVI e XVIII e que se conservan en bibliotecas de todo o mundo.

Pola súa banda, o actual director do Servizo de Biblioteca da universidade, Pedro Incio Piñeiro, presentou a comunicación Inventarios y catálogos en la Biblioteca del Consulado de A Coruña. Esta institución abriu as súas portas na cidade en 1806 por iniciativa do ilustrado Pedro Sánchez e con vocación de biblioteca pública, carácter que conservou ata hai poucas décadas,  acumulando ao longo da súa historia unha rica e ampla colección, entre a que se pode salientar o legado de Juana de Vega ou a primeira edición holandesa de El Quijote. Xa desde ben cedo, observouse nesta biblioteca o seu espírito contemporáneo e innovador, coa obriga de dispoñer de persoal bibliotecario especializado e de instrumentos de descrición da colección, con catálogo de autores e materias, así como un índice de libros prohibidos. Pedro Incio fai un exhaustivo percorrido por estes instrumentos descritivos, o primeiro dos cales data de 1820, e que abrangue dende os libros iniciais ata o máis moderno catálogo automatizado, como xeito de obter unha comprensión da evolución desta biblioteca nos seus 213 anos de existencia.



No hay comentarios: