Recentemente vén de publicarse a edición 2020
do THE: Times Higher Education World University
Ranking, que
publica un ranking das mellores universidades a nivel mundial. A
metodoloxía do ranking inclúe 13 indicadores de rendemento centrados en catro factores:
ensino, investigación, transferencia de coñecemento e proxección internacional,
e agrupados en cinco áreas (ensino, investigación, citacións, proxección internacional
e ingresos da industria). O ranking avalía preto de 1400 universidades de todo
o mundo, entre elas 45 españolas.
A universidade inglesa de Oxford
encabeza o ranking mundial, seguida do California Institute of Technology e a
universidade de Cambridge en terceiro lugar.
En canto á nosa universidade, os
resultados apoian á UDC: por unha banda, consolida a súa posición internacional
manténdose na franxa de 801-1000 do total de institucións avaliadas en todo o
mundo, ao igual que nos dous anos anteriores. E por outra, a nivel nacional,
ascende 12 posicións con respecto ao ano anterior, situándose no posto 23 das
45 universidades estudadas.
Se comparamos a UDC coas demais
universidades galegas, a nosa universidade sitúase xusto un posto por debaixo
da Universidade de Santiago de Compostela, mentres que a Universidade de Vigo queda
afastada de ambas.
Ademais queremos salientar que a
mesma publicación, o Times Higher
Education (THE), publica o Young
University Ranking, que tamén é un ranking das mellores universidades a
nivel mundial, pero menores de 50 anos. Inclúe 351 universidades e utiliza os
mesmos indicadores que o anterior ranking citado, aínda que modula os seus
pesos co obxectivo de reducir o dos indicadores que fan referencia á reputación,
máis vinculados a institucións de longa tradición. Por terceiro ano consecutivo
a UDC figura neste ranking de universidades novas, ocupando nesta edición o
posto 201-250.
Para dar resposta a este tipo de
estudos, a UDC conta coa Unidade de
Análise e Xestión de Datos (AXD), que
centraliza e analiza a información para cubrir estatísticas de carácter
oficial e así poder dar unha información fiable e contrastada que servirá para
elaborar indicadores que reflictan a realidade da institución. Neste sentido, inclúen
un amplo apartado dedicado á UDC nos rankings
universitarios, no que se presentan informes de diferentes rankings, tanto
nacionais como internacionais, con datos sobre a nosa universidade en cada un
deles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario