viernes, 20 de septiembre de 2019

Principios FAIR para a publicación en aberto de datos de investigación

Imaxe: datos.gob.es    

Nos últimos anos, os datos xerados ou recollidos durante o transcurso da realización dunha investigación recibiron a atención da comunidade científica e dos órganos xestores da investigación. De feito, a Comisión Europea require, dende o 2017, que todos os proxectos financiados co Programa Horizonte 2020, salvo excepcións xustificadas, garantan o acceso aberto aos datos de investigación, seguindo os principios FAIR, así como a elaboración dun Plan de Xestión de Datos.
Estes Principios FAIR ofrecen un conxunto de cualidades que unha publicación de datos debería seguir para que os datos sexan Encontrables, Accesibles, Interoperables e Reutilizables (do inglés FAIR: Findable, Accessible, Interoperable, and Reusable), como detallamos a continuación:

1. FINDABLE (Encontrables): que os datos e metadatos podan ser atopados pola comunidade despois da súa publicación, mediante ferramentas de busca. Conséguese:
- Asignando un identificador único e persistente aos datos e metadatos (DOI ou handle)
- Describindo os datos con metadatos enriquecidos
- Rexistrando/Indexando os datos e metadatos nun sistema que dispoña de motor de busca (por exemplo nun repositorio)
- Especificando nos metadatos o identificador dos datos que se describen

2. ACCESSIBLE (Accesibles): que os datos e metadatos estean accesibles e así poidan ser descargados por outros investigadores utilizando os seus identificadores. Conséguese:
- Utilizando protocolos estandarizados de comunicación que sexan abertos, gratuítos e implementados universalmente. Por se fose necesario, o protocolo debe de permitir procedementos para a autenticación e a autorización.

3. INTEROPERABLE (Interoperables): os datos e metadatos deben de estar descritos seguindo as regras da comunidade, utilizando estándares abertos, para permitir o seu intercambio e a súa reutilización. Conséguese:
- utilizando unha linguaxe formal, accesible, compartible e amplamente aplicable para representar o coñecemento, así como vocabularios que sigan os principios FAIR
- incluíndo ligazóns a información relacionada mediante identificadores

4. REUSABLE (Reutilizables): os datos e metadatos poden ser reutilizados por outros investigadores, ao quedar clara a súa procedencia e as condicións de reutilización. Conséguese:
- publicando os datos e metadatos cunha licenza clara e accesible sobre o seu uso e reutilización
- asociando os datos e metadatos con información sobre a súa procedencia
- seguindo os estándares relevantes que usa a comunidade do dominio concreto

Existen ferramentas gratuítas en liña que avalían o grao de cumprimento cos Principios FAIR, como por exemplo FAIR data self-assessment tool

A aplicación destes principios supoñerá, sen dúbida, un gran avance no ámbito da ciencia aberta, a cal postula o acceso aos resultados de investigación, especialmente aqueles financiados por fondos públicos, por parte de toda a sociedade. Con todo, e ante a posible suspicacia que esta difusión libre poida suscitar entre os investigadores, non se debe esquecer que os Principios FAIR proporcionan un alto nivel de seguridade, pois estipulan que os datos só poderán reutilizarse baixo condicións e procesos ben definidos e con pleno recoñecemento da súa autoría.

No hay comentarios: