Hoxe comeza un novo curso
académico na universidade, polo que neste post faremos unha breve presentación
do Servizo de Biblioteca da UDC, principalmente dirixido aos que vos
incorporades este ano por primeira vez á universidade, pero que tamén pode
servir como recordatorio para os que nos acompañades dende hai anos. Dito
servizo está formado por uns servizos
centrais e 16 bibliotecas das distintas escolas e facultades, repartidas
nos diferentes campus da universidade.
Como membros da comunidade
universitaria tedes acceso a tódalas bibliotecas en igualdade de condicións, e
por conseguinte, a tódolos fondos bibliográficos da UDC. O horario xeral de
atención ao público é de 08.30 a 21.30, de luns a venres, que pode verse
reducido en periodos de vacacións. Tamén tedes á vosa disposición tres grandes aulas de estudo
nos campus de Riazor, Elviña e Esteiro con horarios máis amplos en época de
exames.
Se queredes coñecer todo o que a biblioteca
vos pode ofrecer, na páxina web da
Biblioteca Universitaria atoparedes unha gran cantidade de información
sobre os servizos aos que tedes acceso, recursos de información, etc. Ademais
da web xeral da Biblioteca Universitaria, case tódalas bibliotecas das
diferentes escolas ou facultades teñen páxinas web
propias, nas que atoparedes información máis específica sobre as materias
do voso interese ou sobre os cursos que organizan.
Unha das ferramentas fundamentais
que ten a páxina web é o acceso ao catálogo, a través do
que se pode localizar calquera documento dos que integran a colección da
biblioteca, a cal está composta por libros e revistas en papel, DVD, mapas, libros
e revistas
electrónicas ou bases
de datos, entre outros. A través do catálogo tamén se pode acceder á
bibliografía recomendada, ben por materia de clase ou
por profesor.
Ademais, queremos salientar a opción de O meu rexistro, moi
interesante para os usuarios, xa que permite consultar qué documentos se teñen
en préstamo, renovalos, reservar documentos que estean prestados nese momento,
consultar o historial de préstamo, etc. Na guía
de uso do catálogo atoparedes máis información.
En canto aos servizos, un dos
máis comúns é o préstamo.
O número de obras que poden ser solicitadas en préstamo e a duración deste
variará en función da tipoloxía de usuario á que pertenzades (estudantado de
grao, de mestrado…). Dentro do préstamo é importante que coñezades o préstamo
interbibliotecario, que vos ofrece a posibilidade de solicitar a outras
bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte da
colección da biblioteca da nosa universidade, así como o préstamo intercentros,
que posibilita que os usuarios, a través da súa biblioteca, poidan solicitar en
préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de se desprazar.
Rematamos sinalando que a maioría
das bibliotecas da UDC tamén están presentes nas redes sociais. Podedes
consultar unha listaxe de tódalas bibliotecas coas súas respectivas redes sociais
na seguinte ligazón.
Fundamentalmente, o obxectivo das bibliotecas nestas redes é dar a coñecer os
servizos e recursos que poñen a disposición da comunidade universitaria,
ademais de transmitir o máis relevante que suceda (novas, cursos…) relacionado
coa nosa universidade ou con entornos que resulten de interese.
No hay comentarios:
Publicar un comentario