Fotografía dos III
Encontros na Terceira Planta, "Mulleres escritoras, Mulleres de
cine", na Casa do Patín.
|
Ao longo do tempo o concepto de
biblioteca foi evolucionando e con iso cambiaron tamén as súas funcións e os
servizos que ofrecen. Non só serven para estudar e coller libros en préstamo,
senón que son moito máis e nelas podedes descubrir moitas actividades de ocio. Así,
neste post pretendemos dar a coñecer outra cara das bibliotecas, e máis
concretamente, as diversas actividades culturais que as bibliotecas da UDC
realizan ao longo do curso académico. As exposicións, clubs de lectura, encontros
literarios…son algúns exemplos na súa programación.
Quizais as exposicións e centros
de interese sexan as actividades máis extendidas. Algúns exemplos son as
realizadas nos últimos anos pola Biblioteca de
Filoloxía, a Biblioteca
de Ciencias ou a Biblioteca da
Escola Universitaria Politécnica, así como os centros de interese da Biblioteca
de Socioloxía e CC. Da Comunicación. Ademais das exposicións individuais
realizadas por cada biblioteca, queremos salientar a exposición colectiva que
dende o ano 2013 se realiza en varias bibliotecas da UDC: Mulleres
nas Bibliotecas da UDC, que xurdiu como homenaxe (con motivo da celebración
o 8 de marzo do Día Internacional da Muller) a todas aquelas mulleres que
traballaron e traballan nos distintos eidos da ciencia, a cultura, a tecnoloxía
ou a arte. En cada biblioteca a exposición se centra na vida e obra dunha
selección de mulleres. Compleméntanse con paneis informativos e material
interactivo accesible a través da páxina web das bibliotecas.
Por outra banda, a Biblioteca de
Ciencias da Educación creou o club de lectura e encontros
literarios Nébeda, dirixido a alumnado, PAS e PDI da UDC e tamén aberto ao
público en xeral. Para a realización do club a biblioteca conta co Recuncho de lectura, no que se levan a
cabo os encontros cos distintos autores e autoras convidados, así como cun
espazo virtual de comunicación en liña. O programa 2019/2020 pódese consultar
nesta ligazón.
Ademais, este espazo se utiliza para exposicións de arte (pintura,
fotografía…).
Tamén relacionado co fomento da
lectura, as bibliotecas da UDC poñen a disposición dos seus usuarios a sección
de Biblioteca de Interese Cultural (BIC),
formada por libros de lecer para o tempo libre, principalmente narrativa, pero
tamén composta por cómics, ensaios, etc.
Existen outro tipo de iniciativas
como os “Encontros na Terceira Planta”, organizados pola Biblioteca Casa do
Patín que o ano pasado chegaron á súa 4ª edición. Con eles pretenden dar a
coñecer a súa colección dunha maneira máis distendida e participativa e cunha
temática concreta en cada encontro.
Tamén a Biblioteca de Oza propón
unha iniciativa diferente de enfocar o campo da saúde a través do seu blog PaintHEALTH, que recompila imaxes
de obras pictóricas relacionadas co mundo da saúde.
En definitiva, as actividades
anteriores son exemplos dirixidos a que o usuario poida coñecer unha parte da
biblioteca que lle pasaba inadvertida e fomentar o interese por este outro tipo
de iniciativas que realizan as bibliotecas da nosa universidade. As sinaladas
aquí son soamente unha mostra, pero animámosvos a descubrir na biblioteca da
vosa escola ou facultade outras actividades coas que vos poden
sorprender.
No hay comentarios:
Publicar un comentario