A vindeira semana celébrase en
todo o mundo a Semana Internacional do Acceso Aberto (International Open Access
Week), unha iniciativa anual para promover o acceso aberto no mundo académico e
da investigación. O lema deste ano é “¿Abierto para quién? Equidad en el
conocimiento abierto”, no que
se tratará, segundo palabras de Nick Shockey, de responder a preguntas como: ¿Os
intereses de quen se está priorizando na infraestrutura que apoiamos?, ¿Apoiamos
non só o acceso aberto senón tamén a participación equitativa na comunicación
de investigación?, etc.
Como en cada edición, a Rede de
Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) difunde de maneira conxunta as
actividades realizadas dende as diferentes universidades españolas e o CSIC
neste portal.
Ademais, este ano Crue-REBIUN colabora nun curso en liña gratuíto sobre ciencia
aberta por Twitter, que é coordinado pola UOC e que conta co apoio
para a elaboración dos contidos de varias universidades españolas. Consiste nun
microMOOC que tratará cuestións ligadas aos conceptos e as nocións básicas da
ciencia aberta. Cada día, do 21 ao 25 de outubro, dende a conta de Twitter @moocmicro poñerase o énfase nun
aspecto diferente, dende a xestión e preservación dos datos ata a investigación
e innovación responsables, pasando polas novas formas de avaliar a
investigación. Co hashtag #CienciaAbiertaMOOC19
tamén poderedes seguir todos os contidos.
Tamén destacamos o portal
internacional Open Access Week,
creado pola SPARC, que entre outros moitos recursos inclúe un buscador dos
eventos que teñen lugar en todo o mundo ao longo desta semana. O hashtag oficial de Twitter para a semana
é #OAWeek, e dende SPARC animan aos que teñan discusións sobre o tema deste ano
usar o hashtag #OpenForWhom.
Para rematar, lembrámosvos que na
páxina web da Biblioteca da UDC ofrecemos información xeral sobre o acceso
aberto, así como este amplo apartado
de recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos,
revistas e libros en acceso aberto ou datos abertos, entre outros. Ademais
incluímos esta completa INFOguía
con información sobre os dereitos de autor no acceso aberto, os descontos para
os autores da UDC nas tarifas de publicación de artigos en aberto, etc.
No hay comentarios:
Publicar un comentario