viernes, 25 de octubre de 2019

Os datos de investigación en aberto


A OCDE define os datos de investigación como “todo aquel material que foi rexistrado durante a investigación, recoñecido pola comunidade científica e que serve para certificar os resultados da investigación”. Por exemplo, inclúense neste tipo de datos as estatísticas, cuestionarios, resultados de experimentos, cadernos de laboratorio, etc.
A Comisión Europea, co fin de desenvolver a ciencia en aberto, comunicou que dende xaneiro de 2017, tódolos proxectos financiados con Horizonte 2020 (H2020) deberán garantir o acceso aberto aos datos de investigación, salvo excepcións xustificadas (motivos de confidencialidade, explotación industrial, etc.). Ademais, os proxectos participantes en H2020 terán que:

- Entregar un Plan de Xestión de Datos (Data Management Plan-DMP) durante os 6 primeiros meses de vida do proxecto, que debe de ser actualizado durante todo o proceso: trátase dun documento no que se describe que se vai facer cos datos durante e despois de finalizar a investigación. O Plan incluirá unha relación dos datos que se ofrecerán en aberto, cunha descrición detallada dos mesmos, como se van a compartir ou poñer en aberto, e como se van a conservar e preservar, indicando o nome e tipo de repositorio onde se depositarán.
O Digital Curation Center (DCC), proporciona esta lista de verificación para un plan de xestión de datos que presenta os principais temas e preguntas que o investigador necesita responder para cubrir o Plan. Existen ferramentas gratuítas para elaborar dito Plan, entre elas:
  • PGDonline: adaptación e tradución ao español polo Consorcio Madroño da ferramenta DMPonline. Serve como plantilla para elaborar o Plan de Xestión de Datos seguindo os requisitos de H2020.

- Depositar os datos en aberto nun repositorio: os datos de investigación débense depositar nun repositorio que garanta tanto a recuperación e acceso aos datos, como a preservación a longo prazo. Existen diferentes tipos de repositorios:
  • Repositorios temáticos: inclúen datos de investigación dunha disciplina específica. Un exemplo é Dryad, que contén datos referidos a publicacións de ciencias e medicina. Este tipo de repositorios pódense localizar a través do directorio Re3data, que conta cun listado temático de repositorios de datos. 
  • Repositorios multidisciplinares: destacamos Zenodo, repositorio internacional de datos de investigación, financiado polo proxecto  OpenAIRE e recomendado para os proxectos europeos.
  • Repositorios institucionais: o repositorio institucional da UDC, o RUC, permite que os investigadores da UDC poidan depositar os datos de investigación.

Finalizamos este post recomendándovos unha serie de recursos relacionados de interese:

No hay comentarios: