Mediante esta publicación queremos
darvos a coñecer o servizo de préstamo interbibliotecario,
que ten como obxectivo localizar e solicitar a outras bibliotecas aqueles
documentos (orixinais ou copias) que non forman parte das coleccións das
bibliotecas da nosa universidade, así como proporcionar a outras bibliotecas ou
centros externos documentos que se atopan nas nosas coleccións. Polo tanto, en
caso de que a persoa usuaria necesite un documento que non se encontra na
Biblioteca da UDC, mediante este servizo poderá solicitalo a outras
bibliotecas, tanto nacionais como estranxeiras.
Poden utilizar este servizo tanto
os membros da comunidade universitaria da UDC como os usuarios autorizados que
dispoñan do carné de usuario externo, aínda que con certas condicións que
indicaremos a continuación:
- O alumnado de grao (agás o que
estea realizando o Traballo Fin de Grao), para solicitar a alta, ten que
presentar a autorización dun profesor que xustifique a necesidade de utilizar
este servizo mediante este impreso
de autorización.
- Para os membros da comunidade universitaria
o servizo é gratuíto, pero non obstante os usuarios externos asumirán os gastos
derivados do correo e as tarifas estipuladas polos centros subministradores. Ademais, todos os
usuarios terán que asumir o gasto das
reproducións íntegras de documentos que superen os 60 € (neste caso, os
usuarios poderán pedir información do prezo antes de tramitar a solicitude).
Os usuarios que utilicen por
primeira vez este servizo teñen que darse de alta cubrindo este formulario
electrónico, que lles permitirá obter un código e un contrasinal para o seu
uso persoal. Posteriormente, poderán facer
as peticións a
través do formulario de solicitude de
préstamo interbibliotecario e deberán cubrir unha solicitude por cada
documento, indicando todos os datos bibliográficos necesarios para a
identificación da obra.
En canto ás condicións de uso dos
documentos procedentes doutras bibliotecas a través deste servizo, os
documentos orixinais, se a biblioteca
prestataria o autoriza,
poderánselle prestar ao usuario
final. No caso contrario, consultaranse obrigatoriamente na Biblioteca Central
(no campus da Coruña)
ou na Biblioteca
do Patín (no campus de
Ferrol).
No caso dos documentos que chegan
en formato electrónico, deposítanse no servidor do programa de xestión do préstamo
interbibliotecario para que os usuarios os poidan descargar. Ao correo
electrónico da persoa usuaria chegará unha mensaxe na que se lle informa que o
documento está dispoñible no servidor, e terá que acceder á ligazón que se lle
indica para descargar o documento. Estas reproducións de documentos pasarán a
ser propiedade do usuario.
Para máis información, podedes
consultar as Normas
de uso polas que se rexe este servizo, así como a información dispoñible na
páxina
web da biblioteca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario