viernes, 8 de noviembre de 2019

A difusión da investigación científica


No vindeiro número da Revista Galega de Historia Murguía publicarase un artigo do Xefe de Servizo da Biblioteca da Universidade da Coruña, Pedro Incio, dirixido principalmente ao persoal investigador das universidades. No artigo abórdase a difusión do traballo de investigación tendo en conta catro aspectos chave: a autoría, a obra da persoa investigadora, o impacto (importancia da difusión da obra) e a pegada dixital (todo o concernente ás redes científicas e sociais). 

  •  A autoría

Un dos primeiros aspectos que hai que conseguir é un nome validado, é dicir, que unifique o resto das posibilidades que existen para identificar o nome. A páxina máis importante de unificación de nomes é ORCID. Habería que crear un rexistro co nome que se decide validar, e tamén cos nomes alternativos, que reenviarán á forma autorizada. ORCID ten a vantaxe de que se sincroniza con dúas grandes bases de datos de nomes, AuthorID de Scopus e ResearcherID da Web of Science, agora chamado Publons. Isto sería moi importante porque todo o que se engade a ORCID pasaría a estas bases de datos e viceversa.
Unido ao tema do nome tamén está o Currículum Vitae. En España unha das versións máis estendidas é o CVN da FECYT, un currículum único para os investigadores, dixital e normalizado. En Galicia temos que contar co CV da ACSUG, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

  • A obra

É moi importante que toda a obra estea na rede. A primeira opción son os repositorios (institucionais ou temáticos), pero tamén temos outras como Google Scholar. As tres universidades galegas dispoñen de repositorios institucionais, onde se deben de subir os documentos. Outra opción son os repositorios temáticos, pois case todas as disciplinas manteñen algún dedicado á súa temática, dende a magna obra de Arxiv ata Social Science Research Network (SSRN), o maior repositorio de investigación en Ciencias Sociais.
No que respecta a Google Scholar, é moi interesante porque se nutre de Google, e desta forma dá acceso á maioría da ciencia que contén a rede. O aspecto problemático é que a incorporación de rexistros á ficha dun autor non está supervisada e podemos atoparnos con erros.

  • O impacto

Entre as ferramentas para consultar o impacto da obra temos o Journal Citation Reports da Web of Science, o gran repertorio que avalía a calidade das revistas. Pola súa banda, Scopus conta co Scimago Journal Rank. Estas ferramentas elaborábanse a partir das citas recibidas nas revistas científicas, analizando o impacto deses títulos de revistas pero non o dos artigos contidos nelas; un paso adiante foi a creación das métricas a nivel de artigo –Article Level Metrics, ALM– onde se analizaba o impacto dos propios artigos e os seus autores e autoras, e xa non só os títulos de revista. Posteriomente apareceron as métricas alternativas, Altmetrics, que miden todos os usos que recibe un documento científico: consulta, descarga, lectura, cita, pegada. E na actualidade estase desenvolvendo a chamada Snowball Metrics, que é o resultado dun proxecto dun grupo de universidades británicas para a medición obxectiva dos seus produtos académicos (output) e da eficacia (outcome) na asignación dos recursos (input).

  • A pegada

Refírese ó testemuño que deixa a produción científica nas redes. As dúas redes científicas máis importantes son Academia.edu para as Ciencias Sociais e Humanidades, e ResearchGate para as Ciencias da Saúde e o amplo ámbito do STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Existen outras como Science Open, baseada nos principios do Open Access, ou Mendeley, que pasou de ser a páxina dun xestor bibliográfico de acceso aberto a unha rede científica en mans de Elsevier. En xeral, estas redes científicas permiten diversas actividades en prol da ciencia colaborativa: xestionar lecturas e favoritos, compartir bibliografía e procesala, acceder cada vez máis ao texto completo de moitos documentos, construír grupos con intereses afíns, etc. Tamén hai que ter en conta a pegada nas redes sociais propiamente ditas, como Facebook, LinkedIn, Twitter ou Slideshare.

Para rematar, indicámosvos que o artigo completo podédelo consultar nesta ligazón.

No hay comentarios: