viernes, 20 de diciembre de 2019

RDA: novo estándar de catalogación



A pasada semana organizouse unha xornada técnica na Biblioteca de Galicia que tivo como protagonista ó estándar RDA (Resource Description and Access), polo que con esta publicación pretendemos ofrecervos información sobre este novo código de catalogación, ademais de achegarvos os principais temas que se trataron en dita xornada.

RDA é a nova norma de catalogación sucesora das AACR2, e proporciona un conxunto de directrices e instrucións  para a descrición e o acceso aos recursos. A norma RDA presenta novas perspectivas para os catálogos das bibliotecas, xa que permite establecer vínculos entre as diferentes edicións, traducións e formatos de publicación dunha obra, ofrecendo aos usuarios unha visualización máis integrada dos datos bibliográficos.  

RDA non supón unha ruptura coas regras anteriores e é compatible co formato MARC. Entre as súas características máis salientables están que é unha norma de contido, deseñada para a contorna dixital, desenvolta nun contexto internacional e independente de calquera formato de codificación. Ademais, unha das características clave de RDA é que proporciona un marco flexible e amplo para a descrición dos recursos, xa que ofrece instrucións para describir recursos tradicionais e non tradicionais, analóxicos e dixitais, de calquera tipo de contido e de soporte.

RDA publicouse no ano 2010, pero a súa adaptación nas bibliotecas españolas non termina de poñerse en marcha. A Biblioteca Nacional de España, a Biblioteca de Catalunya ou a Biblioteca das Illes Balears son das poucas institucións que están a facer esforzos para tratar de implementar RDA nos seus procesos de catalogación. De feito, nas xornadas celebradas, estiveron presentes representantes destas tres bibliotecas para transmitir como están a traballar para adaptarse ás RDA. Ademais, houbo unha mesa de debate sobre o estado da implementación de RDA nas bibliotecas galegas, na que participaron, entre outros, representantes das bibliotecas das tres universidades galegas.

As tres bibliotecas universitarias mostraron os avances que realizaron ou están a realizar de cara a implementación de RDA:
  • Cada universidade, de forma independente, realizou nos últimos anos unha formación inicial integrada por diversos cursos sobre RDA. Ademais, conxuntamente a través de Bugalicia, realizouse unha formación especializada.
  • Adaptouse o sistema de xestión de bibliotecas Innopac Millennium para poder admitir rexistros RDA. Entre os cambios máis relevantes destacan os realizados nas regras de indexación, o mapeo de novos campos ou a reconfiguración do WebOpac para a visualización.
  • Realizouse unha primeira fase de incorporación de rexistros RDA. No caso da UDC, elaboráronse unhas pautas para adaptar a RDA os rexistros que entran por captura e, dende outubro de 2018, admítense rexistros RDA no catálogo, con modificacións.
Por último, no que respecta á situación actual, as tres bibliotecas están traballando en:
  • Unhas pautas de aplicación propias de RDA: espérase poder chegar a un perfil de aplicación común das 3 universidades, a pesar dos diferentes tempos, pautas e coleccións.
  • Elaborar manuais para catalogadores e planificar a formación do persoal.
  • Prepararse para empezar a catalogación orixinal: estímase que será no segundo semestre de 2020.







No hay comentarios: