Imaxe: Almanaque Gallego, 1898 |
O vindeiro 31 de xaneiro cumpriranse
200 anos do nacemento de Concepción Arenal. Son numerosas as actividades
conmemorativas que se levarán a cabo ao longo deste ano co gallo deste
aniversario, polo que con esta publicación pretendemos informarvos delas, ademais
de achegarvos unhas breves aportacións sobre a vida desta escritora e activista
social que foi pioneira do feminismo en España.
Aínda que naceu en Ferrol en 1820,
na súa adolescencia (concretamente en 1834) trasládase a Madrid. Sete anos
despois entra, contra a vontade da súa nai, como oínte na Facultade de Dereito
da Universidade Central de Madrid, vestindo
roupas masculinas, xa que a educación universitaria estaba vetada ás mulleres
naquela época. Vestida tamén de home, participa en faladoiros políticos e
literarios, loitando así contra o establecido na época para a condición
feminina. Posteriormente converteríase tamén na primeira muller en recibir o
título de Visitadora de Cárceres de Mulleres e fundaría a Constructora Benéfica,
entre outros moitos feitos relacionados coa incorporación das mulleres á vida
pública e á educación, a mellora dos cárceres e do Dereito Penal, así como das
condicións de vida das persoas máis desfavorecidas.
En canto ás actividades
conmemorativas anunciadas polo momento, a nivel nacional destacamos a exposición
que a Biblioteca Nacional de España acollerá entre o 23 de xullo e o 25 de outubro.
Xa en Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela vén de anunciar que desenvolverá
diferentes iniciativas xunto con institucións como o Consello da Cultura e a
Xunta a través de Cultura e Igualdade, entre outras. As máis destacadas son:
- Unha exposición no Colexio de Fonseca programada para o mes de setembro baixo o título “Concepción Arenal. A conciencia da razón”.
- Un congreso internacional no mes de outubro no que diferentes especialistas abordarán a figura de Concepción Arenal dende un enfoque multidisciplinar.
- Concertos entre os meses de setembro e novembro, nos que o repertorio estará guiado pola relación de diversos compositores coa escritora ferrolá.
- Premio de investigación Concepción Arenal.
Ademais, impulsaranse edicións facsimilares
de varias das súas obras.
Na súa cidade natal, Ferrol, o
Concello colocará unha placa na súa casa natal o propio día 31, ademais de
realizarse unha ofrenda floral no monumento que a lembra no barrio de Esteiro e
unha conferencia de Anna Caballé Masforroll, Premio Nacional de Historia de
España pola súa obra Concepción Arenal. La caminante y su sombra.
Rematamos este post amosándovos a
obra que temos de Concepción Arenal e sobre ela na Biblioteca da UDC:
No hay comentarios:
Publicar un comentario