REBIUN (Red de Bibliotecas
Universitarias Españolas) vén de crear este portal
formativo, dirixido a estudantes de grao, que capacita en competencias
dixitais. Antes de presentarvos os contidos incluídos no portal e a estrutura
do mesmo, consideramos necesario definir o concepto de competencia dixital: “A Competencia Dixital implica o uso crítico
e seguro das Tecnoloxías da Sociedade da Información para o traballo, o tempo
libre e a comunicación. Apóiase nas habilidades do uso de ordenadores para
recuperar, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información,
e para comunicar e participar en redes de colaboración a través de Internet”
(European Parliament and the Council, 2006). Como podemos ver, trátase dunha
competencia clave que resulta cada vez máis necesaria para poder participar de
forma significativa na nova sociedade e
economía do coñecemento deste século
XXI.
Centrándonos no material incluído
no portal, estrutúrase segundo o Marco
de competencia digital para estudiantes de grado: adaptación de DIGCOMP, que
consta de 5 áreas, con 21 competencias en total. Para cada competencia, inclúense
vídeos, presentacións e cuestionarios.
A continuación, resumiremos brevemente os temas a tratar en cada unha das
competencias:
Competencia 1: Información e tratamento de datos: proporciónase
información sobre como empezar a elaborar un traballo académico
(contextualizando o tema, realizando buscas…), identificar as principais fontes
de información (o catálogo da biblioteca, bases de datos) e avaliar e
seleccionar a gran cantidade de información atopada. Tamén se dan directrices
de como gardar e organizar a información na contorna dixital, ademais de coñecer
os sistemas de citas e referencias e a utilidade dos xestores bibliográficos
para os traballos académicos.
Competencia 2: Comunicación e colaboración: proporciónanse
recomendacións para comunicarse correctamente na contorna dixital, ademais de
dar a coñecer ferramentas como RSS para manterse ao día ou os servizos de
participación a través de redes sociais que están á vosa disposición para o desenvolvemento
académico e profesional. Tamén se tratan as posibilidades que ofrece a nube
para o traballo colaborativo en liña a través de ferramentas como Dropbox ou
Google Drive. Por último, abórdase o tema da identidade dixital e como xestionala
de forma eficaz.
Competencia 3: Creación de contido dixital: facilítanse aplicacións
de edición de vídeo, texto e audio que tedes ao voso alcance para facer
presentacións para expoñer na clase, realizar infografías, diagramas, etc. Tamén
se realiza unha introdución á normativa sobre os dereitos de autor, sinalando cales
son os principais tipos de plaxio e as estratexias para evitalo, así como a
utilidade das licenzas Creative Commons.
Competencia 4: Seguridade: proporciónanse recomendacións para
protexerse dos riscos e ameazas asociados ao mundo dixital (utilización de
antivirus, evitar redes WIFI públicas, actualizar o software, crear
contrasinais seguros, etc.), protexer os datos persoais e a privacidade en
Internet, comprar de forma segura ou reducir a publicidade non desexada, entre
outros.
Competencia 5: Resolución de problemas: preténdese aprender como
identificar problemas técnicos e resolvelos no que respecta ao uso de
dispositivos dixitais, así como coñecer ferramentas e tecnoloxías que sirvan de
apoio para resolver problemas de forma creativa. Ademais proporciónase información
sobre as plataformas de aprendizaxe e outros espazos creativos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario