A Fundación Española para la
Ciencia y la Tecnología (FECYT), vén de actualizar o ranking
de visibilidade e impacto de revistas científicas españolas de Humanidades e
Ciencias Sociais con selo de calidade FECYT así como a metodoloxía
coa que se elaborou, que está en continuo proceso de revisión e mellora. Estes
documentos serven á ANECA e a outras
axencias de avaliación como ferramenta para mellorar os sistemas de
acreditación da calidade dos traballos publicados polos investigadores españois
das áreas de Ciencias Sociais e Humanas.
Esta convocatoria de avaliación
da calidade editorial de revistas españolas de FECYT celébrase dende o ano 2007
con periodicidade bienal, e as revistas
preséntanse de forma voluntaria. Segundo datos de DULCINEA, estímase que o
total de revistas nacionais é de 1.840,
das cales 396 obtiveron a certificación FECYT nalgunha das convocatorias
realizadas ata o momento, e mantéñena vixente. Esta cifra supón un 21% do total
de revistas nacionais estimadas. Ademais, pódese destacar que estas avaliacións
aumentaron progresivamente, xa que dunha participación do 12% na primeira convocatoria
pasouse a un 44% na actual.
O ranking baséase en dous
factores: impacto e visibilidade, a
partir dos datos proporcionados por diferentes bases de datos. No caso do
impacto, calcúlase tendo en conta varios indicadores que suman un 80% do total
da puntuación outorgada: o 60% representa as citas que recibe unha revista de
fontes como JCR, ESCI,
Scielo e Scopus, e un 20% representa
a posición da revista nos cuartiles de diferentes produtos. Pola súa parte, o
cálculo da visibilidade, do que depende un 20% da puntuación, baséase no índice
ICDS de MIAR.
Como información adicional, este
traballo de FECYT compleméntase co Sello
de Calidad en Edición Académica (CEA-APQ), iniciativa da Unión de Editores
Universitarios (UNE) avalado por FECYT e ANECA para a avaliación das coleccións
de monografías, e cuxo prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria
actual remata precisamente nos vindeiros días.
Para rematar, podemos sinalar que
este ranking de revistas non está exento de controversia, e son varios os
profesionais da Información e Comunicación Científica que critican a súa metodoloxía,
antigüidade, utilidade ou custo de realización. Entre as cuestións máis
relevantes criticadas destacan que as revistas incluídas son unha mostra
irrelevante fronte ao total de revistas españolas, así como a relativización
segundo tamaños (non se ten en conta a produción científica de cada revista, o
que xera desigualdades inxustas).
Con todo, aínda que a metodoloxía
poida ser imperfecta, isto non impide que a ANECA o teña en conta para a
avaliación, polo que non é unha ferramenta que se poida descartar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario